Friday 22 de November de 2024

Feijóo incide na necesidade de que as administracións traballen unidas para abordar os dous grandes retos do sector pesqueiro: o brexit e a negociación dos TAC e as cotas


 

Sobre o brexit, recorda que Galicia ten feitos os deberes, sumando a súa voz á do sector pesqueiro español e europeo coa Alianza pesqueira europea; e, elaborando os informes do impacto da saída do Reino Unido da UE
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe na necesidade de que as administracións traballen unidas para abordar os dous grandes retos do sector pesqueiro: o brexit e a negociación dos TAC e as cotas.

Durante o acto inaugural do VII Congreso Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, Feijóo recordou, en relación ao brexit, o que se xoga a frota galega en Gran Sol e Malvinas, con máis de 120 barcos e 1.700 tripulantes. Ao respecto, subliñou a importancia de traballar desde o Goberno central para defender os intereses desta frota, conseguindo un statu quo que permita acceder aos caladoiros a cambio de que o Reino Unido acceda ao noso mercado.

Pola súa banda, o titular da Xunta aseverou que Galicia ten feitos os deberes, cando sumou a súa voz á do sector pesqueiro español e europeo coa Alianza pesqueira europea; ou cando, por exemplo, elaborou da man das universidades galegas, os informes do alcance xurídico e administrativo e dos custes do impacto económico do brexit, presentados aos Goberno central e á UE.

Así mesmo, lembrou que o País de Gales asinou un memorando de entendemento con Galicia para seguir colaborando e manter os dereitos históricos previos ao Tratado da UE; e os responsables de Malvinas queren seguir traballando coas empresas galegas.

En relación á negociación dos TAC e as cotas, Feijóo recalcou que a Comunidade precisa non só máis cota para pescar senón tamén para intercambiar debido a eliminación dos descartes.

Nesa negociación, aseverou que Galicia ten catro frontes importantes: subir as cotas do bonito; salvar a caída proposta para a pescada tanto en Gran Sol coma no Cantábrico –esta especie é a de maior importancia en lonxa de Galicia-; salvar a caída proposta para o xurelo tanto no Cantábrico coma ao sur de Fisterra; e a necesidade de reabrir a pesca da cigala no Cantábrico.

Nesta mesma liña, subliñou ademais que a Comunidade xa está traballando en ambos informes de impacto das baixas da pescada e o xurelo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse máis polo miúdo a retos como consolidar unha política de descartes cero ou aumentar o consumo de peixe, nos que a Xunta está a traballar. Así, no eido da minorización dos descartes, destacou a elaboración do Atlas das pesqueiras costeiras artesanais, que permite testificar o seu escaso número de descartes e o alto aproveitamento das súas capturas; así como o informe económico sobre a pesca do arrastre, que pon de manifesto que unha política neste eido mal aplicada pode chegar a supoñer 15 millóns de euros de impacto negativo na frota.

E, no eido da promoción do consumo, o responsable autonómico salientou a importancia de campañas encamiñadas a rebaixar o impacto de cuestións de alta negatividade coma a do anisakis ou para fomentar o consumo de peixe entre os máis novos.

Feijóo concluíu agradecendo a FREMSS a organización deste foro para dar voz á parte social e económica da pesca; para dar voz “ao cuarto sector con maior presenza na economía galega, a unha cadea extractiva e do mar-industria que xerou un volume de ingresos de máis de 8.850 millóns de euros, en 2018”, abundou, avogando por seguir traballando para manter este liderado na UE, “para facer empresas fortes e sólidas que exporten e que sexan capaces de capturar en caladoiros internacionais boa materia prima e transformala, incorporando valor engadido”, rematou.