Friday 22 de November de 2024

O profesor Ramón Sainero falará en Moeche sobre a irmandade histórica entre Galicia e Irlanda


O sábado a partir das 18.00h. no Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas

 

Estes días é noticia a estadía en Galicia do coñecido como “Libro das Invasións”, un códice manuscrito de 800 anos de antigüidade que recolle as orixes de Eire mesturando mitos e feitos históricos. O “Lebor Gabála Érenn” -o seu título en gaélico- forma parte da mostra “Galicia, un relato no mundo,” aberta na Cidade da Cultura para ofrecer unha visión das referencias a Galicia en diferentes épocas e contextos xeográficos. Alén do seu grande valor documental e como peza única, o “Libro das Invasións” é tamén o primeiro sitio coñecido que recolle o nome de Breogán, pai do mítico Ith que avistou Irlanda desde o Faro de Brigantia. Manuel Murguía incorporou a lenda de Breogán na historia de Galicia a mediados do século XIX e, segundo parece, a relación entrambas terras atlánticas é moito máis que un mito. O profesor Ramón Sainero estudou a fondo o “Libro das Invasións” e outros manuscritos -ademais de múltiples fontes arqueolóxicas, lingüísticas e científicas- para fundamentar a teoría dunha raíz común dos pobos celtas e dunha cultura compartida que chega difuminada até os nosos días, pero que se ve con toda nitidez observando o que teñen en común Galicia e Irlanda. Ese será o eixo principal dunha charla que impartirá o sábado ás 18.00h. na sala de conferencias do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, dentro da II Xornada de Historia no Castelo, organizada pola Sociedade Cultural Medulio en colaboración co Concello.

O Castelo de Moeche acollerá a segunda xornada de estudo da nosa historia organizada por Medulio, na que xa o ano pasado coñecemos as orixes do estandarte real galego e de que maneira foi evolucionando ata se converter na actual bandeira. Neste 2019 o tema principal da xornada serán as relacións históricas entre Irlanda e Galiza… ou entre Galicia e Irlanda. Uns vencellos dos que se ten constancia xa desde épocas anteriores á romanización e que son comúns a outros pobos atlánticos, aínda que no caso de Irlanda as semellanzas culturais son, se cadra, maiores.

Desas similitudes -mesmo xenéticas, segundo confirmou a ciencia-, das relacións socioeconómicas sostidas por vía marítima ao longo dos séculos e doutros aspectos que achegan ambas terras máis do que parece falaranos o profesor da UNED Ramón Sainero. Este estudoso e defensor da teoría celta sostén que as terras irlandesas foron colonizadas por navegantes do noroeste peninsular e que hai unha orixe compartida onde a lenda e a realidade histórica se xuntan a partes iguais.

Sainero mesmo se remonta a 1.200 anos antes da nosa era para describir unha serie de movementos migratorios desde Europa central e da zona do Mar Negro que acabarían recalando na península, pero tamén en toda a costa atlántica do continente e nas Illas Británicas.

A súa teoría fala dun proceso de longa duración onde se foi conformando unha lingua e unha cultura con trazos determinados, cualificada por el como unha sorte de protoceltismo que acabaría de desenvolverse nas terras máis occidentais de Europa, onde aínda se atopan características que suxiren un tronco común. Exemplo diso serían as semellanzas lingüísticas entre o Gaélico Irlandés, o Gaélico Escocés, o Galés, o Manés, o Bretón… e incluso o Galego que, malia estar considerado unha evolución do Latín, conserva palabras e estruturas sintácticas coincidentes con esoutras falas.

O profesor da UNED falará deste e doutros vínculos na charla “Galiza e Irlanda: a súa irmandade”. Abordará os feitos contrastados, as lendas e as teorías máis aceptadas para achegarnos o seu punto de vista sobre esa parte do noso pasado que segue xerando controversia entre distintas correntes historiográficas.

A charla comezará ás 18.00h. no castelo de Moeche e é con entrada de balde. Ademais, o evento organizado pola A.C. Medulio tamén contará coa actuación musical de Xoán Padín.