A concelleira de Emprego participou na clausura do programa que formou nestes meses a unha vintena de persoas participantes de etnia xitana no Centro Municipal de Emprego
A concelleira de Emprego, Eva Martínez Acón, acudiu esta mañá ao acto de clausura do programa “Aprender traballando”, que tivo lugar no Centro Municipal de Emprego, e no que se entregaron diplomas ás
20 persoas participantes. A edila felicitou ao Secretariado Xitano por desenvolver
esta iniciativa de formación dirixida ás mozas e aos mozos que están en situación de desemprego e que combinou formación teórica e práctica.
O obxectivo principal foi o de atender a este colectivo en risco de exclusión e facilitar a inserción laboral dos alumnos. Acón sinalou que a entidade forma parte do pacto local de emprego, no que forman parte tamén distintos axentes locais e económicos como sindicatos, organización empresariais ou a Univesidade e que se centra na suma de esforzos e estratexias para conseguir a igualdade de oportunidades no mercado laboral a través de alianzas con empresas e loitar así contra a discriminación.
En seis meses, o cadro de persoal que coordinou “Aprender traballando” realizou avaliacións das competencias e intereses profesionais para que os e as que se adscribiron tomasen decisións sobre o seu futuro laboral. Impulsou accións formativas nas que se puxeron en xogo esas nocións primeiras, axudándolles a
melloralas a través da reflexión, a práctica e unha capacitación profesional que lles cualificou para defender un oficio. Ademais, as familias contaron cunha axuda social para que a falta de recursos non limitase a participación da mocidade seleccionada neste proceso.