Friday 22 de November de 2024

Política Social salienta a importancia da formación para avanzar na integración social e laboral


As 14 mozas e mozos que completaron con éxito a iniciativa recibiron os diplomas que acreditan a súa preparación para o emprego

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou esta mañá a importancia da formación para facilitar a integración social e laboral. Díxoo na clausura e entrega de diplomas ás 14 mozas e mozos que finalizaron a iniciativa Aprender traballando da Fundación Secretariado Gitano, que contou co apoio da Administración autonómica e a implicación da Obra Social La Caixa, así como das empresas IKEA e Vegalsa-Eroski.

A través de Aprender traballando 8 mulleres e 6 homes de entre 18 e 21 anos desenvolveron durante seis meses un itinerario formativo teórico e práctico que lles permitiu adquirir competencias para desempeñar máis dunha ocupación nunha empresa como persoal de caixa, de atención ao cliente, de almacén ou de reposición de produtos, entre outros. Durante o período de prácticas percibiron unha bolsa económica de 350 euros.

A Fundación Secretariado Gitano desenvolve intervencións de acollida, orientación, acompañamento e formación para o emprego nas principais cidades de Galicia onde traballa non só con poboación xitana, senón tamén con outros colectivos en risco de exclusión.