Thursday 21 de November de 2024

O Concello asina un convenio con Unión Fenosa para soterrar as liñas eléctricas na contorna do Castro de Elviña


 

O acordo deberá ser ratifcado pola Xunta de Goberno Local que se celebra o próximo 6 de novembro

A Xunta de Goberno Local deberá ratificar na sesión do próximo 6 de novembro o convenio suscrito entre o Concello da Coruña e Unión Fenosa Distribución Electricidade SA, que permitirá á compañía eléctrica iniciar os traballos de soterramento das liñas eléctricas de media tensión situadas na contorna do Castro de Elviña. Deste xeito, explica o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, o Concello responde a unhas vellas demandas dos veciños deste núcleo que levan anos pedindo o soterramento destas liñas.

O convenio recolle a cesión das canalizacións efectuadas polo Concello para a instalación baixo terra da liña eléctrica. Ademáis, a compañía comprométese a levar a cabo as tarefas de conservación, mantemento, reparación e mellora das instalacións para unha correcta subministración da enerxía eléctrica.

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deberá ratificar a aprobación definitiva do expediente de expropiación forzosa de varias parcelas situadas na avenida de Finisterre, número 2, Lugar de San José, para incluilas no sistema viario da cidade, tal e como aparece recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2013.

O expediente tramitouse polo procedemento de taxación conxunta por importe de

157.116,15 euros con cargo aos orzamentos do 2019.

A Xunta, tamén, deberá dar luz verde aos informes técnicos e xurídicos que constan nas pezas separadas de cada unha das parcelas do expediente que serán enviadas aos interesados coa notificación do acordo de aprobación definitiva do proxecto. Ademais, comunicaráselles ás persoas que non teñan a día o seu rexistro da propiedade que deberán actualizar o tracto rexistral para poder recibir o prezo xusto.