Nesta edición o Concello de Ordes bríndalle a posibilidade tanto ás entidades deportivas como á veciñanza de enviar as súas propostas de cara ao acto que terá lugar o vindeiro mes de decembro
O vindeiro 20 de decembro o Concello de Ordes celebrará a súa II Gala do Deporte. Un acto para o que a área de Deportes abre a posibilidade a toda a veciñanza, así como ás entidades e clubs deportivos, para que propoñan os seus candidatos e c andidatas para cada unha das categorías que se premiarán.
Para isto será necesario cubrir o formulario que xa está colgado na páxina web do Concello (http://bit.ly/2qb9Yp0). Deberase entregar no mesmo Concello ou envialo por correo electrónico a: benito.lorenzo@ordes.gal. Ademais dos nomes dos candidatos ou candidatas tamén é necesario adxuntar un breve curriculum ou listado de méritos acadados. O prazo para poder entregalo rematará o 15 de novembro.
Nesta segunda edición as categorías que recibirán premio serán: Mellor deportista e deportista base masculino e feminino, mellor entidade deportiva, mellor patrocinador, mellor equipo, mellor adestrador ou adestradora, á traxectoria profesional, ademais do premio ao mellor deportista con diversidade funcional.
Con esta entrega de premios o Concello de Ordes quere continuar co seu labor en prol da práctica de deporte e na adquisición de hábitos saudables. Destaca o seu interese por darlle visibilidade e proxección mediática a todo o traballo realizado por deportistas, entidades, equipos, clubs, asociacións etc de ámbito local. Todos e cada un deles son presentados como referentes de calidade e modelos a seguir, moi especialmente, para as xeneracións máis novas.