Saturday 16 de November de 2024

O Pleno aproba iniciar a reversión dunha parcela en San Lázaro cedida ao IGVS e que podería acoller un novo centro de saúde


Santiago Freire lembrou que “a día de hoxe é a única parcela que podemos utilizar”

A sombra do inicio da campaña electoral foi a protagonista na sesión plenaria ordinaria de outubro en Noia. Non só porque o pleno alongouse uns minutos despois na medianoite para dar resposta a dúas preguntas formuladas polo grupo municipal socialista, senón porque a pesar de case todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade, o seu debate foi máis propio dun mitin electoral ca dunha sesión plenaria (o que, á súa vez, alongou a sesión ata o punto de non poder contestarse todas as preguntas do grupo socialista).

Porén, o punto máis debatido foi un dos dous que non se aprobaron por unanimidade: o inicio do expediente de reversión da cesión ao IGVS da parcela R-17, de 600 m2 de superficie e cunha edificabilidade total de 3.597 m2. Unha parcela cedida o 27 de abril de 2009 para a construción de vivenda pública e que, dez anos despois, permanece sen uso. O pleno acordou o inicio do expediente de reversión da cesión cos votos a favor de PP e NOIA, fronte aos votos en contra de PSOE, Marea e BNG.

Erro na nota de prensa

Todos os grupos da oposición coincidiron en criticar o feito de o Concello ofrecera a parcela á Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde sen ter antes aprobado a reversión da mesma a titularidade municipal. Concretamente, criticaron que no comunicado aos medios de comunicación sobra a reunión co presidente Núñez Feijoo se falara de que o Concello ofrecera a cesión da parcela, cando non estaba aprobado o expediente de reversión.

O alcalde, Santiago Freire, recoñeceu que se tratou dun erro na redacción da nota de prensa, que foi corrixido no Facebook municipal e que “o que se fixo foi poñer a disposición da Consellería a documentación da parcela para ver se os distintos módulos sanitarios que se pretenden instalar teñen encaixe”. Así mesmo, lamentou que os tres grupos da oposición “estean máis preocupados polas formas que polo fondo, pois o importante é que Noia dispoña dun novo centro de saúde”.

Debate

O BNG xustificou o seu voto en contra “porque pensamos que é posible facer vivenda pública. Non nos resignamos”, asegurou Ricardo Suárez. Unha argumentación semellante á empregada pola Marea Cidadá de Noia, que mesmo solicitou que o punto fora retirado da orde do día: “Noia necesita vivenda pública”, asegurou Manuel Seijas, quen lle pediu ao IGVS que emitise un informe dicindo que non ía facer vivenda pública na vila. Finalmente, o PSOE xulgou a reversión “en clave electoral”, apuntou Sergio Campos, quen compartiu coa Marea que “os técnicos din que non é axeitada unha parcela de 600 m2”.

Santiago Freire puntualizou que os técnicos citados polos grupos da oposición negaron ter dito que a parcela non era a axeitada e instounos a falar con eles para comprobar que esas afirmacións son falsas. Tamén rexeitou as acusacións de improvisación, pois lembrou que “a necesidade de reformar ou facer un novo centro de saúde é algo que se leva analizado dende 2016. Non se sacou da chisteira en dous días”.

O alcalde de Noia instou aos grupos da oposición a comprobar que “en Galicia hai centros de saúda con unha, dúas, tres e ata máis plantas”, destacando que a edificabilidade dese centro é de 3.597 m2: “a superficie do actual centro de saúde non é nin a metade do novo edificio”. Ademais, recordou que “aínda que para o centro de saúde non necesiten as cinco plantas, poden servir para acoller outros servizos clínicos ou non clínicos” e que agora están espallados por distintos locais no municipio.

Na quenda de resposta, todos os grupos apostaron pola utilización da parcela reservada para centro de saúde no Plan Xeral. Freire recoñeceu que “se estivera o PXOM, a parcela que se contempla nel sería a idónea. É unha parcela fronte a que hoxe iniciamos a reversión. Pero, a día de hoxe, esta é a única parcela que podemos utilizar e por iso propoñemos a reversión”. “O PXOM aínda vai tardar en estar aprobado. E despois habería que facer un procedemento a maiores e podemos atoparnos sen este servizo”, advertiu o alcalde de Noia, “é unha temeridade non aproveitar a oportunidade”.

Freire asegurou que “non estamos rexeitando que haxa vivenda de protección pública en Noia pero, pasado un tempo prudencial (10 anos), é lóxico que o Concello recupere a titularidade desa parcela para facer o que considere oportuno”. O alcalde reiterou que “este paso non limita nin imposibilita nada e, se é considerada idónea, poderemos dispoñer dun novo centro de saúde nun tempo prudencial”.

Unanimidade

A unanimidade caracterizou o resto da sesión, onde se aprobou unha modificación de crédito e un crédito extraordinario de 127.600 euros para a 12ª fase do Plan de Protección de Vivendas do Casco Histórico. Unha achega que se fai con cargo ao Remanente de Tesourería. Tamén se aprobou a Declaración Institucional do 25 de Novembro que, por iniciativa da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, redactouse conxuntamente con todos os grupos municipais. Tamén se aprobou por unanimidade que os funcionarios con incapacidade temporal cobren o 100% dos seus soldos dende o primeiro día da baixa e unha ordenanza reguladora de limpeza de terreos e protección contra incendios forestais en Noia.

Na quenda de mocións, tamén se aprobaron por unanimidade as dúas do BNG. Na primeira pedíase a construción dun espazo colaborativo ou de coworking para emprendedores na vila, algo que todos os grupos municipais recoñeceron levar nos seus programas electorais do pasado mes de maio. Na segunda pedíase a peonalización da rúa corredoira, algo co que se amosaron de acordo todos os grupos se ben o alcalde puntualizou que “sería necesario facer antes un estudo da organización do tráfico más amplo”.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción do PSOE na que se pedía a construción dun centro de día, o que motivou un longo debate sobre os servizos público en xeral e en Noia en particular, así como volver a debater sobre a non dispoñibilidade de parcelas municipais ata a aprobación do PXOM (o que motivou un novo debate sobre a reversión da parcela de San Lázaro).

Bríxida Quintáns

Finalmente, aprobouse darlle o nome de Bríxida Quintáns aos xardíns da capela de San Lázaro. Se ben a Marea Cidadá propoñía cambiarlle o nome ao Malecón de San Lázaro polo de Bríxida Quintáns, o alcalde expuxo que veciños e veciñas da zona non se amosaban conformes coa decisión, polo que o voceiro da Marea propuxo os xardíns da capela de San Lázaro e que no prazo de dous meses se faga un acto oficial para descubrir unha placa co nome de Bríxida Quintáns. A moción foi aprobada por todos os grupos municipais, co voto en contra do concelleiro popular Juan Ramón González Oviedo.