Saturday 16 de November de 2024

Máis de douscentos veciños arroupan á asociación “O Esquío no Piñeiro” na presentación do libro “Brión en fotos”


O alcalde Xosé Luís García anunciou que o Concello consignou unha partida nos seus orzamentos para facer unha edición especial para que cada familia reciba un exemplar co próximo número da revista Altamira

A sala municipal de exposicións de Brión quedouse moi pequena para acoller aos máis de douscentos veciños e veciñas que asistiron na noite de onte venres á presentación do libro “Brión en fotos: unha memoria visual do século XX”, elaborado pola asociación cultural, medioambiental e deportiva O Esquío no Piñeiro. Un proxecto para o que contaron coa colaboración do Concello de Brión, que financiará unha edición especial do libro, e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, xa que se trata dun proxecto realizado ao abeiro da Iniciativa Xove.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, destacou que “este libro lémbrame un pouco o estribillo daquela canción de Siniestro Total que dicía: quen somos, de onde vimos, a onde imos” e convidou a toda a veciñanza a “disfrutar este libro coa familia e cos amigos, pois estou convencido de que será fonte de moitas e moi interesantes conversas sobre Brión, sobre as nosas aldeas e mesmo sobre a nosa propia familia. Aproveitade estas datas de Nadal para botarlle un ollo cos vosos seres queridos e veredes a cantidade de cousas que descoñecemos sobre quen somos”.

García agradeceulles aos integrantes da asociación O Esquío no Piñeiro “o longo, laborioso e concienzudo traballo de recollida, selección e tratamento de fotos feito ao longo dos últimos anos. Grazas por este pedaciño da historia que recuperastes e que hoxe nos regalades”. Así mesmo, aproveitou para anunciar que o Concello de Brión aprobou recentemente nos seus orzamentos unha partida para facer unha tirada especial deste libro, que se repartirá canda o próximo número da revista municipal Altamira. “Non sei se sabedes que Brión é o único Concello da contorna que agasalla cun libro a cada veciño ou veciña que se empadroa: “Historia de Brión”, de Clodio González. Pois con este “Brión en fotos” xa serán seis os libros que teremos editados sobre a historia de Brión”, apuntou o alcalde brionés.

Exemplo de participación

Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou este proxecto como “un exemplo de participación dunha entidade xuvenil, dun Concello e tamén de todos os seus veciños achegando case un milleiro de fotografías. Todo un exemplo entre outros 140 proxectos da Iniciativa Xovenesquecer nos que dende a Xunta de Galicia investimos máis de medio millón de euros”.

Rodeiro amosouse especialmente sorprendido e agradecido pola gran afluencia de público á presentación do libro “Brión en fotos”, xa que mesmo houbo bastante xente que quedou na carballeira de Santa Minia ao non poder entrar ao acto ata que se retiraron as cadeiras habilitadas para os numerosos maiores que asistiron. “É moi necesaria a implicación da veciñanza nun proxecto deste tipo”, indicou Ovidio Rodeiro, “pero ver a tal cantidade de xente hoxe aquí é a mellor forma de arroupar esta iniciativa”.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou a importancia que tivo o programa Iniciativa Xove á hora de dinamizar o tecido social e cultural dos nosos municipios e animou aos mozos e mozas presentes a presentar novas iniciativas en anos próximos.

Agradecementos

Finalmente, Armando Patiño, en representación da asociación O Esquío no Piñeiro, agradeceu o apoio prestado tanto polo Concello de Brión como pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e indicou que as imaxes deste libro “son fragmentos dunha realidade inmediata e próxima de Brión que non queremos esquencer. Son fotos de festas, de traballos, da vida cotiá, de paisaxes… que conseguimos grazas a que moita xente nos deixou buscar nos seus caixóns, facendo unha especie de arqueoloxía da memoria. Unha memoria que non debería perderse nos faiados”.

Neste sentido, Armando Patiño insistiu en que o obxectivo da asociación era “salvagardar este legado, recuperando unha idea que tivera hai dez anos a Casa da Cultura de Brión de facer un arquivo fotográfico do concello”. Así mesmo, agradeceu especialmente a todos os que achegaron fotografías, a Xosé Manuel Xiráldez (autor do prólogo do libro) e Xosé Vizoso (autor das ilustracións), así como aos integrantes da asociación que traballaron na escolma de imaxes: Julio Mallo Nieto, Dora Vieiro, Marcos Delgado e José Manuel Trigo Romero, “alma máter do proxecto”.

Brión en fotos

Os máis de douscentos asistentes á presentación do libro “Brión en fotos. Unha memoria visual do s. XX” puideron levar cadanseu exemplar ás súas casas e contemplar unha exposición con 20 das imaxes máis significativas deste libro. Unha mostra que poderá visitarse na sala de exposicións municipal de Brión ata o vindeiro 21 de xaneiro.

O libro supón a culminación dun proxecto de “O Esquío no Piñeiro” que comezou a xestarse hai cinco anos e que supuxo a recollida, escaneado e posterior devolución de máis dun milleiro de fotografías antigas entre toda a veciñanza de Brión. Un libro de 122 páxinas, deseñado e maquetado por Armando Patiño, con textos de Manuel Xesús Xiráldez (profesor de Lingua e Literatura no IES de Ames) e ilustracións de Xosé Vizoso, ilustrador e durante 44 anos deseñador da prestixiosa cerámica de Sargadelos.

“Brión en fotos” recolle máis de duascentas imaxes estruturadas en dez categorías: a escola, música e danza, festas e tradicións, acontecementos sociais, paisaxe e arquitectura, o traballo, o transporte, o retrato, o xogo e o deporte; e a vida cotiá. Nel están reflectidos documentos históricos, como unha imaxe das Torres de Altamira de 1919, a entrega da nova campá parroquial nos Ánxeles, unha das primeiras vistas aéreas da capela de Santa Minia ou a inauguración da Fonte de Hermes de 1913.