Saturday 16 de November de 2024

Portos de Galicia confirma que a pasarela peonil entre o Peirao do Marqués e a Costa Ferrador estará rematada antes de 3 meses


 

Freire destaca que as obras terán continuidade co proxecto de mellora da fachada marítima que vai acometer a Costas e que “permitirán facer un itinerario circular de 6 km paralelo á ría”

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe Noia para supervisar o inicio das obras de construción dunha pasarela peonil no peirao do marqués. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, á fronte de gran parte da corporación municipal.

“La estructura que montaremos es de acero inoxidable, pero ahora estamos desmontando el cantil, unas piezas que están numeradas y se van a colocar de nuevo, ancladas con unas varillas. El plazo de ejecución de las obras es de tres meses”, apuntou a titular de Portos de Galicia, quen destacou que esta obra forma parte de “un proyecto muy ambicioso del Concello de Noia, que quiera darle la vuelta a la ría, pasando por el puente nuevo”.

Pola súa banda, Santiago Freire agradeceu a visita de Susana Lenguas para supervisar os traballos que están a ter lugar desde a confluencia do peirao do Marqués coa rúa Pedro Sartaña ata o Malecón de Gasset, un pouco máis adiante da Costa do Ferrador. Trátase dunha pasarela voladiza de 2,5 metros de ancho e 125 metros de lonxitude que proporcionará unha plataforma para o tránsito seguro dos peóns, separados da calzada. Ademais, manterase o pretil de cantería actual, que se limpará e volverá repoñer unha vez instalada a estrutura da pasarela peonil.

Continuidade

O alcalde de Noia anunciou hoxe que esta actuación de Portos de Galicia terá continuidade ata a ponte do Campo das Rodas, grazas ao “Proxecto de adecuación da fachada marítima de Noia”, adxudicado recentemente pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar á empresa Copcisa. “No Campo de Noia está previsto tamén a construción dunha glorieta, a ampliación da xa existente e a ampliación dos carrís de circulación. Isto permitirá mellorar o tránsito peonil e tamén as condicións de tránsito dos vehículos, ao ampliar os carrís e o ángulo de xiro da glorieta”.

Freire Abeijón salientou que “estamos falando duns investimentos moi importantes e que levaron moitos anos de traballo porque non foi sinxelo obter todas as autorizacións precisas, especialmente de Patrimonio” pero que “permitirán unha importante mellora estética e de seguridade para os veciños e veciñas de Noia, ademais de deixar resolto un problema histórico na vila”.

Neste sentido, Santiago Freire celebrou que Susana Lenguas confirmara que as obras estarán rematadas no prazo de tres meses pois “así poderemos iniciar a parte de Costas cando rematen as obras de Portos de Galicia” e, unha vez conectadas con outras actuacións realizadas e programadas polo Concello de Noia, ao final “imos conectar coa ponte da variante e así os veciños e veciñas de Noia poderán facer un itinerario peonil de aproximadamente 6 km, de xeito paralelo á ría e con saída e volta á vila de Noia”.

Finalmente, o alcalde noiés lamentou as molestias que estes traballos están supoñendo para a veciñanza, pois supoñen o corte dun carril de circulación. Un corte que se reproducirá tamén durante a execución da segunda fase das obras, cuxo prazo de execución é de seis meses.

Aparcamento en Labarta

Tras visitar as obras do Peirao do Marqués, a comitiva oficial desprazouse ata o paseo marítimo de Labarta, onde o Concello de Noia traballa con Portos de Galicia na habilitación dun novo aparcamento público, que permitirá habilitar máis de 120 novas prazas de estacionamento na zona e incluso unha zona para o aparcamento de autocaravanas. Trátase dunha explanada propiedade de Portos de Galicia emprazada a carón do aparcamento do Mercadona, onde habitualmente se emprazan as barracas durante as festas do municipio.

Susana Lenguas puido comprobar sobre o terreo o que pretende facer o Concello de Noia con esta parcela, que se conectaría co actual parking do Mercadona. Así mesmo, pediuse o soterramento do cableado eléctrico que bordea o paseo marítimo nesa zona.

Finalmente, Susana Lenguas e Santiago Freire trasladáronse ata o Testal, onde a titular de Portos de Galicia coñeceu sobre o terreo as necesidades das instalacións portuarias de man do Patrón Maior de Noia, Santiago Cruz.