O prazo de inscrición xa está aberto a través do 981 490 027 ext.1
O programa de lecer e aprendizaxe Tempos para compartir organizado pola área de Igualdade xa ten pechadas as datas para os obradoiros de novembro e decembro, que tratarán dous temas ben distintos. O primeiro deles, previsto para o sábado 9 de novembro, é una sesión sobre cociña vegana. O segundo e derradeiro do ano terá lugar na Casa da Xuventude o sábado 14 de decembro e mostraranos como decorarmos a casa para as datas do Nadal. A inscrición en calquera dos dous obradoiros hai que facela a través do 981 490 027 ext.1 ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. As prazas son limitadas e daráselle prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño.
O sábado 9 de novembro a partir das 17.00 h. Lucía Ferreira descubriranos no local social de Lamas en que consiste a cociña vegana, cales son as súas bases, os alimentos que se usan como substitutos daqueles de orixe animal e, finalmente, prepararase algún prato sinxelo para despois probalo, como por exemplo leite de améndoas, paté vexetal ou hamburguesas que non levan nin pizca de carne.
A data límite de inscrición é o 6 de novembro e só se ofertan 20 prazas que se cubrirán por orde de solicitude.
O seguinte Tempos… desenvolverase o 14 de decembro na Casa da Xuventude tamén ás 17.00h. Leva por título “Ideas para a decoración do Nadal” e, como indica o propio nome, nel aprenderemos a decorar unha estancia con motivos do Nadal dun xeito orixinal e personalizado, empregando materiais sinxelos e de reciclaxe. Crearase unha singular árbore de Nadal, bólas e galletas decoradas, centros de mesa e outros adobíos ben vistosos.
Deste obradoiro encargarase Mónica Cibreiro, colaboradora habitual do programa coa que xa aprendemos en anteriores ocasións moitas cousas sobre decoración e repostaría. Hai 15 prazas dispoñibles -prioridade para xente do concello- e o último día para apuntarse é o 4 de decembro.
Lembrade que se tedes interese en sumarvos ao programa e compartir coa veciñanza calquera coñecemento só fai falla contactar coas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade do Concello e propoñer novos obradoiros, que son con participación gratuíta tanto de quen o imparten como de quen asisten. O Concello só pon como condición que o tema sexa o máis participativo posible -por iso funcionan tan ben os relacionados coa cociña ou as manualidades-, que se poida tratar en hora e media ou dúas horas como máximo e que o custe dos materiais sexa asumible.