O acto central celebrarase o vindeiro sábado 9 de novembro na Casa da Cultura de Camporrapado coa I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller
O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de iniciar a programación especial con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N) cun obradoiro de prevención da violencia en parellas adolescentes. As actividades complétanse coa celebración da I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, unha exposición fotográfica e o xa tradicional Photocall pola Igualdade.
O obradoiro de prevención está dirixido ao alumnado de 4º de Educación Secundaria do CPIP Antonio Orza Couto. Nas sesións trabállanse aspectos como as características da violencia no noivado adolescente ou as características dunha relación sa e positiva, entre outros.
Segundo explican dende o CIM, “o obxectivo deste obradoiro é proporcionar información axeitada para que a poboación adolescente saiba recoñecer os sinais dunha relación de maltrato; é dicir, aquelas condutas que nunca se deben permitir na parella”. As sesións desenvolveranse tamén durante o vindeiro mes de novembro.
I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller
O acto central da programación pola conmemoración do 25-N será a I Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, que terá lugar o vindeiro sábado 9 de novembro ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Testemuños e expertas en violencia de xénero, música en directo, exposición fotográfica e stand literario centrarán as propostas da tarde.
Dita xornada está enmarcada dentro de actuacións de sensibilización e concienciación en materia de Igualdade e/ou prevención e loita contra a violencia de xénero dirixidas a toda a cidadanía. A entrada é de balde, previa inscrición no propio CIM no teléfono 981 513 061 ou no enderezo electrónico cim@boqueixon.com. O aforo é limitado.
As actividades comezarán cunha actuación musical a cargo da pianista Sofía Silva Carbajales, que interpretará Primavera, de Ludovico Einaudi. A continuación, a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, procederá á presentación desta xornada para despois dar paso á apertura da exposición da fotógrafa Sara Pardo Lareo titulada BlasFemia, que estará acompañada pola música da violinista Marina Vidal Míguez, que interpretará Sicilienne, de Maria Theresa Von Paradis.
Testemuños de tres sobrevivintes á violencia de xénero
Baixo o título A realidade da violencia de xénero, a psicóloga do CIM, Yolanda Neira, moderará unha mesa de debate na que se intervirán tres mulleres sobrevivintes da violencia machista: Mª Saladina Carrillo Míguez (da parroquia de Gastrar); Noelia Míguez Vázquez (de Boqueixón), e Emily Rodríguez Santos (novelista de Ponte Ulla, no veciño municipio de Vedra). Todas elas compartirán as súas respectivas experiencias e os seus testemuños estarán complementados coa perspectiva da avogada especialista en violencia de xénero, Mª Susana García Lema, e da axente policial da Unidade de Atención á Familia e Muller de Santiago de Compostela (UFAM-Protección), Aroa Mareque Rubio.
A clausura da xornada comprenderá o audiovisual Ana sempre está aquí, comigo; unha nova actuación de Sofía Silva, que interpretará o rap Facer fronte á violencia, e de Marina Vidal, que se encargará da peza Que non mo neguen, de Tanxugueiras. As persoas asistentes tamén poderán percorrer con calma a mostra BlasFemia e visitar o stand literario onde se presentará a novela Calas Blancas, de Emily Rodríguez Santos. Ademais, o Photocall pola Igualdade do CIM de Boqueixón estará presente para que todas aquelas persoas que o desexen fagan a súa foto co lema do CIM ou coas diversas frases que desmontan os mitos das relacións de parella.
Dende o CIM animan á veciñanza a participar nesta xornada tan especial. Esta iniciativa é posible grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.
Exposición fotográfica no Concello ata o 20 de decembro
O programa especial do CIM con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller completarase coa exposición de BlasFemia na Casa Consistorial boqueixanesa. Poderase visitar entre os días 25 de novembro e 20 de decembro, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.30 horas.