Un total de quince alumnos-traballadores iniciaron no día de hoxe a súa formación no obradoiro dual de emprego sobre cociña que, baixo o título de “O Pote” se vai desenvolver durante nove meses na nova Escola de Hostalería de Riveira situada no segundo andar do mercado municipal.
A apertura do taller contou coa presenza do alcalde Manuel Ruiz, o concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Ramón Doval, e a secretaria da delegación territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez.
“O Pote” é un obradoiro dual de emprego promovido polo Concello de Riveira e subvencionado pola Xunta de Galicia ao abeiro da Orde do 17 de abril de 2019 polo que se establecen as bases reguladoras para as axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais dos quince alumnos-traballadores, foron seleccionados unha directora, Almudena Basoco, un profesor de cociña, un titor e unha auxiliar administrativa.
Almorzos solidarios
O contido do curso abrangue entre outras actuacións a realización de almorzos solidarios para seren distribuídos entre as persoas desfavorecidas do municipio, o que lle imprime un compoñente social ao taller.
Unha vez conclúe a súa formación, os asistentes terán a oportunidade de realizar prácticas en empresas que serán subvencionadas polo Concello.
O obradoiro desenvólvese na Escola Municipal de Hostalería que se acaba de crear no segundo andar do mercado municipal, e que está equipado con cociñas individuais para profesor e alumnado despregadas nunha gran zona de 137 metros cadrados, ademais doutros espazos como un aula de formación, dous almacéns, un despacho para a dirección do obradoiro etc.
A intención do Executivo é que unha vez remate o obradoiro seguir impulsando neste espazo novas actividades que redunden na formación e perfeccionamento do sector hostaleiro do municipio riveirense.