Este centro é o segundo de Galicia que dispón deste tipo de prazas nas que, a diferencias das de albergues, os usuarios poden utilizalas sen tempo limitado, sempre e cando participen nun programa de inclusión sociolaboral
A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou de que a Xunta de Galicia financia as 11 primeiras prazas públicas de acollida ás persoas en situación de rúa dentro do Plan de atención ás persoas sen fogar en Padre Rubinos, na Coruña. Díxoo na visita que esta mañá fixo ás instalacións desta entidade, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia na A Coruña, Ovidio Rodeiro.
Con isto, o centro de Padre Rubinos na Coruña convértese no segundo de Galicia en ofrecer prazas residenciais de acollida a persoas en situación de rúa. A diferencia destas prazas con respecto ás que existen en albergues é que non teñen un tempo de acollida limitado e que están condicionadas a que as persoas usuarias das mesmas participen nun proxecto de inclusión social e laboral.
Fabiola García explicou que o Plan de atención ás persoas sen fogar ten entre os seus obxectivos incrementar ata 70 o número de prazas de inclusión residencial na comunidade nos vindeiros catro anos, cuadriplicando as que hai dispoñibles ata o de agora (18 no centro Santa Olaia de Boqueixón).
Neste sentido, manifestou que hoxe o Goberno galego inicia en Padre Rubinos un camiño que, entre este ano e os primeiros meses de 2020, suporá a creación de 21 novas prazas de inclusión como as que se poñen en marcha neste centro coruñés. Con este fin, nos orzamentos de 2020 crecen un 37% os fondos destinados a centros de acollida.
Máis recursos de inclusión
A conselleira destacou a continuidade do compromiso da Xunta coas persoas que peor o están a pasar, o que se reflicte no incremento do 6% no Orzamento de Política Social para o ano que vén, ata chegar aos 776 millóns de euros. Esta maior dispoñibilidade económica redunda tamén no reforzo da área de inclusión que aumenta ata superar os 120 millóns de euros, un 70% máis que en 2009.