Tuesday 26 de November de 2024

Os Museos Científicos convocan o XXI Premio Luis Freire de Investigación Científica na Escola


 

O prazo para presentar as propostas estará aberto ata o 2 de marzo e a fase final terá lugar na Domus o 28 de marzo

Os Museos Científicos coruñeses acaban de abrir a convocatoria do premio Luis Freire de Investigación Científica na Escola, un certame para profesorado e alumnado que chega este ano á súa vixésimo primeira edición, co obxectivo de fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas. Organízase en colaboración con Amigos da Casa das Ciencias e o premio recoñece aqueles traballos que se distinguen pola orixinalidade e rigor das investigacións e proxectos e que demostren sentido crítico, curiosidade e constancia.

Nesta nova convocatoria premiaranse todas as inscricións que finalicen a súa investigación e presenten a súa memoria antes do 2 de marzo. As aulas que participen serán invitadas a visitar gratuitamente durante un día os tres museos científicos, complementando a dita visita coas actividades que desexen realizar en cada un deles en función da oferta dispoñible.

O prazo de inscrición para enviar as propostas estará aberto ata o 2 de marzo. A participación está aberta en dúas modalidades: a primeira dedicada aos proxectos de investigación científica realizados polo profesorado nas aulas de educación primaria e a segunda para o alumnado de educación secundaria que desenvolvan investigacións científicas. A fase final terá lugar na Domus o 28 de marzo, e a ela concorrerán os tres mellores traballos seleccionados en cada modalidade.

Os premios para as e os finalistas comprenden, ademais de diversos aparellos tecnolóxicos, a presentación dos traballos gañadores na Feira Científica Galiciencia que se realizará en maio en Ourense.

Apoio ao profesorado de educación Primaria

O profesorado de educación primaria da área metropolitana de Coruña poderá solicitar a visita á aula dunha persoa técnica dos Museos Científicos para impartir unha charla sobre como realizar unha investigación científica e os valores educativos que lle pode proporcionar ao alumnado. Para reservar unha data será
necesario solicitala no enderezo premioluisfreire@casaciencias.org

Toda a información, así como as bases do premio, está dispoñible na seguinte ligazón:
www.coruna.gal/mc2/gl/premios/premio-luis-freire-de-investigacion-cientifica-na- escola