Friday 22 de November de 2024

Política Social fomenta o voluntariado como ferramenta para mellorar a inclusión das persoas xordo-cegas


O obxectivo desta iniciativa é ampliar a colaboración coas sete entidades que traballan neste eido na nosa Comunidade, fomentando a participación das persoas voluntarias nos seus proxectos
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou esta mañá un protocolo de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

Esta entidade ten presenza nas sete cidades de Galicia ao contar con asociacións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A través deste acordo preténdese fomentar que as persoas voluntarias se sumen ás actividades que se desenvolven en calquera das asociacións e, tamén, axudar a formalas na adquisición duns coñecementos mínimos da lingua de signos e doutras competencias que faciliten a comunicación e a socialización destas persoas.

Deste xeito, o desenvolvemento desta iniciativa persegue a sensibilización da sociedade para eliminar o illamento social e comunicativo das persoas xordo-cegas e xordas en situación de exclusión social, así como potenciar o valor da figura da persoa voluntaria. O obxectivo da Xunta de Galicia é establecer unha canle de participación entre institucións para beneficio das persoas máis vulnerables e da sociedade galega no seu conxunto.

Os cursos de comunicación en lingua de signos realizaranse ao longo do mes de novembro de maneira presencial e en liña, para o que se ofrecerán 15 e 30 prazas respectivamente. Os cursos estarán compostos por 30 horas e permitirán establecer contactos sociais elementais. Na formación estableceranse contidos programáticos, gramaticais, léxicos e socioculturais.