A iniciativa vai dirixida a comedores escolares, empresas con servizo de comedor do polígono de Sabón e establecementos hostaleiros do núcleo urbano do municipio, que poderán inscribirse ata o 4 de novembro para participar
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Arteixo acaban de lanzar un proxecto piloto de recollida porta a porta de residuos orgánicos dirixido aos grandes xeradores deste municipio. Na iniciativa, desenvolvida a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, están chamados a participar os centros educativos do concello con servizo de comedor, os comedores de empresa do Polígono Industrial de Sabón e as empresas do sector hostaleiro (hoteis, restaurantes, cafeterías e bares) situadas no núcleo urbano de Arteixo.
A participación neste proxecto piloto será voluntaria e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de novembro. Os colexios, as empresas con servizo de comedor de Sabón e os establecementos do sector hostaleiro localizados no núcleo urbano poderán inscribirse na oficina de Medio Ambiente municipal ou a través da páxina web compostaxe, entrando na sección Proxectos e seleccionado concretamente Proxecto demostrativo Produtor Responsable.
Co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa e recoller á vez as inquedanzas e dúbidas dos posibles participantes, a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Arteixo puxeron en marcha esta semana a campaña Produtor Responsable, que prevé a celebración de diversas reunións informativas e visitas presenciais aos grandes xeradores situados no concello e na súa área de influencia. Precisamente onte, luns, tivo lugar no centro Tecnolóxico de Arteixo o primeiro destes encontros, dirixido en concreto aos grandes xeradores do sector da hostalería do núcleo urbano.
A reunión informativa, na que participaron a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, espertou un gran interese entre os grandes produtores de residuos do municipio, con máis de 70 empresas inscritas na xornada, destacando unha ampla representación do sector restaurador.
Debido ao peso significativo que teñen os grandes produtores sobre o total dos residuos urbanos xerados nos concellos galegos, agárdase que a campaña Produtor responsable contribúa a mellorar os resultados de recollida selectiva e reciclaxe en todos os concellos participantes, permitíndolles avanzar no cumprimento do obxectivo de reciclar o 55% do total dos residuos producidos no ano 2025, do 60% de aquí a 2030 e do 65% en 2035, marcado pola recente modificación da Directiva Marco de Residuos.
Ademais, a campaña vai tamén en liña cos principios básicos da economía circular que aposta por superar o actual modelo económico e de produción lineal, posto que coa recollida separada e a reciclaxe dos biorresiduos contribúese a pechar o ciclo da materia orgánica, transformando os restos de comida nun novo produto de calidade, o compost.
Todos os grandes produtores de residuos orgánicos que se sumen ao programa piloto que se está a desenvolver en Arteixo recibirán de balde os materiais necesarios para realizar a separación da materia orgánica. Estes residuos serán recollidos polo servizo municipal na porta de cada gran produtor e posteriormente, transportaranos ata a planta de compostaxe de Sogama, onde se transformarán en compost, un fertilizante natural e de gran calidade. Ademais, a cada participante na campaña faráselle entrega dun distintivo que o identificará como produtor responsable, un símbolo do compromiso ambiental adquirido ao adherirse voluntariamente a esta iniciativa.
Por último, cómpre precisar que este proxecto piloto forma parte das actuacións para a mellora da xestión dos residuos urbanos xerados no territorio galego que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver e intégrase nas accións previstas para o desenvolvemento das liñas estratéxicas do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022), financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020.