A primeira sesión terá lugar o martes 5 de novembro, ás 17:00 horas, na sala municipal de exposicións
O Concello de Brión, en colaboración coa asociación socieducativa Antonio Gandoy, promove a organización de “Espazos das familias”, un programa de formación sobre a primeira infancia dirixido a pais e nais con crianzas menores de tres anos. “O obxectivo é crear un espazo de encontro semanal no que pais e nais poidan reflexionar e debater sobre educación así como compartir tempos e espazos lúdicos cos seus fillos e fillas”, explica a concelleira de Ensino, Sandi Cebral.
Aquelas familias de Brión que estean interesadas en participar só teñen que anotarse previamente na Casa da Cultura de Brión ou a través do teléfono 981 50 99 08. De feito, a asociación Antonio Gandoy organizará unha primeira sesión de presentación da iniciativa o martes 5 de novembro, ás 17:00 horas, na sala de exposicións de Brión, á que están convocadas todas as familias interesadas. É preciso reunir un mínimo de 10 familias para o desenvolvemento do programa.
“Espazos das familias” configúrase como un lugar para o encontro e a formación das familias en temas relacionados coa primeira infancia: o sono infantil, a linguaxe, a importancia do xogo… e servir tamén para o intercambio de experiencias a carón doutras familias. As sesións incluirán actividades e xogos en grupo que, ademais de propiciarlles ferramentas e coñecementos aos adultos, tamén servirán de resposta ás necesidades dos menores.
O programa será levado a cabo pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, creada en febreiro de 2013 por profesionais procedentes da Fundación Preescolar na Casa, unha experiencia pioneira e referente no desenvolvemento da parentalidade positiva nas familias galegas durante os 36 anos que estivo en marcha. “Espazos das familia” ofrecerá ás familias brionesas a posibilidade de encontrarse con outros pais e nais con nenos/as da mesma idade cos seus e de manter un contacto con profesionais da asociación Antonio Gandoy para dar resposta concreta as súas necesidades e inquedanzas.