As dúas entidades veciñais de San Sadurniño celebran o sábado os seus magostos
O cambio de outubro para novembro adoita concentrar en toda Galicia a celebración do Samaín e dos magostos e, neste 2019, a festa estirarase algúns días pola coincidencia en venres do 1 de novembro. Así, desde o xoves 31 até o domingo -e incluso máis adiante- temos unha chea de propostas en toda a comarca relacionadas coas tradicións milenarias da muda de estación. En San Sadurniño temos constancia de tres eventos: os magostos de Igrexafeita e Naraío deste sábado 2 de novembro e a sesión de contacontos con obradoiro de galletas programada polo Concello para o sábado 9 pola tarde na Casa da Cultura.
A Asociación de Veciños Adiante de Igrexafeita celebrará o seu magosto no local social da Torre a partir das 20.30h. Estaba previsto que o serán comezase co Mago Adry que, finalmente, caeu do programa por razóns persoais. No seu lugar actuará o ilusionista Joshua Kenneth, pertencente a esa remesa da nova maxia que ofrece números innovadores e sorprendentes.
Tralo espectáculo, a asociación servirá un menú a base de castañas, sopa de cabaza e xamón escaldado. O prezo son 2€ para persoas socias e 4€ para non socias. Iso si, hai que anotarse previamente chamando ao 696 912 975 ou ao 626 839 398. A data límite é este mércores 30 de outubro.
Tamén o sábado e á mesma hora -20.30h.- teremos magosto en Naraío. Nese caso o cartel informa dunha degustación de castañas, chourizos á sidra, sopa de cabaza e papas de melón, xunto coa actuación do grupo Quenindiole e un remate de festa con repichoca e queimada.
A diferenza de anos anteriores, nesta ocasión O Castelo de Narahío non vai facer a procesión das ánimas, habida conta de que en 2018 se xuntou tal cantidade de público que a entidade tivo serias dificultades para xestionar o itinerario con seguridade.
Esa é a razón de que neste 2019 se optase por reducir o evento a un magosto e Samaín máis recollidos, aínda que coa previsión de retomar o ano que vén a pasaxe nocturna polas corredoiras, implicando na recreación dos mitos autóctonos tanto á veciñanza que viña participando nela como a outros colectivos de dentro e fóra do concello.
Con todo, desde a asociación convídase a que a rapazada “traia as súas cabazas para expoñer” e tamén se incita a maiores e cativería a vir vestida para a ocasión “da Santa Compaña, de lobishom, de visión, do sacaúntos” e outros referentes que existen na cultura galega “sen necesidade de converter a festa nun halloween”, precisan desde a entidade.
“A Cabaza encantada”, o sábado 9 na Casa da Cultura
Para o tempo dos magostos e o Samaín, o Concello programou unha obra teatral destinada a público familiar que, ademais, leva aparellado un obradoiro de cociña pensado para nenas e nenos de 4 anos en diante.
A historia “A cabaza encantada” arranca cunha semente plantada polo cociñeiro Antón da que sae unha cabaza un tanto especial. É unha cabaza malencarada que chama polos defuntos, unha cabaza con vela dentro que dá moito medo… ou moita risa no medio das aventuras de Antón e a pasteleira Tomasa quen, ao remate da obra, lle ensinarán á rapazada a facer galletas de morcego, arañas de bruxa revirada e uns poucos mocos da Señora Loba. Todo para merendar e todo ben rico a pesar do nome.
A obra representarase na Casa da Cultura a partir das 18.00h. do sábado 9 de novembro. É con entrada libre e chega a San Sadurniño da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña.