Preto dun cento de persoas participaron na tarde do domingo nun magosto organizado polo Club de Xubilados de Lousame, que tivo lugar no seu local en Aldeagrande. A festa estivo amenizada polo grupo de gaitas “O Son do Pote” (Tállara), que interpretou varias pezas tradicionais mentres os asistentes daban boa conta das castañas, acompañadas con refrescos, cervexa ou viño.
O magosto contou coa asistencia da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, quen aproveitou para agradecer o traballo que realizan as persoas que colaboran co servizo de Voluntariado de Lousame para o desenvolvemento de iniciativas de ocio, culturais e deportivas no municipio.