Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba participar nunha subvención de máis de 925.000 euros do IDAE para aforro enerxético do alumeado público


O proxecto permitirá unha redución de 95.500 euros anuais no gasto enerxético e de 400.700 kWh de consumo

O Concello de Lousame celebrou na noite de onte unha sesión extraordinaria e urxente para aceptar a subvención do proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame. Fase II” e enviar a documentación precisa ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía). Un proxecto orzamentado en 927.271,4 euros, dos que o IDAE financia o 80% grazas a fondos FEDER, que foi aprobado por unanimidade dos tres grupos municipais.

Previamente, o Concello de Lousame realizou unha auditoría enerxética dos seus 2.148 puntos de luz, que especifica que conta cunha potencia instalada de 212.573 kW e un consumo anual de electricidade de 914.065 kWh/ano, o que supón un gasto anual de 142.194 euros anuais. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “esta actuación suporá unha redución do gasto de máis de 95.500 euros anuais e unha minoración de máis de 400.700 kWh de consumo enerxético. Unha vez reformadas, todas as instalacións terán cualificación enerxética A”.

A actuación terá lugar no alumeado público e instalacións municipais do Concello de Lousame nas súas distintas parroquias. “Existen actualmente varios alumeados municipais que están deteriorados polo paso do tempo e con equipos obsoletos polo que é preciso a súa renovación para minorar o gasto enerxético, minorar o gasto de mantemento a través do aumento da vida útil das luminarias, mellorar as condicións de confort visual e adecuar as instalacións ao regulamento vixente”, xustificou Villaverde Pais.

Para conseguir esa redución do gasto, o Concello de Lousame empregará tecnoloxías máis eficientes, reducirá a potencia instalada, axustará os horarios de acendido e implementará sistemas de regulación do consumo horario de madrugada. “Imos substituír as luminarias existentes, algunhas aínda de vapor de mercurio, por outras máis eficientes tipo LED”, puntualizou a alcaldesa, “ademais de renovar os centros de mando actuais, que están deteriorados polo paso do tempo; renovar varios tramos do cabreado para evitar perder enerxía; e instalación de acendido mediante reloxo astronómico dos cadros eléctricos existentes”. Así mesmo, o Concello substituirá as luminarias próximas a estradas para elevar a posición da fonte de luz e conseguir un alumeado máis eficiente.

Xustificación da urxencia

A alcaldesa de Lousame xustificou a urxencia da sesión en que o pasado 16 de outubro chegou un requirimento do IDAE pedindo uns cambios no proxecto técnico, que estiveron listos o pasado venres 25 de outubro, cando o IDAE daba un prazo máximo de 15 días naturais para a súa entrega. A urxencia foi tamén aprobada por unanimidade.

Avaliación

De feito, a primeira fase do proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” atópase nestes momentos en fase de avaliación, despois de ser licitado por 136.100 euros. Este proxecto inclúe a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público en Portobravo, na pista de Cruído, Berrimes e na parroquia de Lousame, onde se cambiarán os sistemas de iluminación por sistemas LED, renovarase os centros de mando, instalaranse reloxos astronómicos de acendido e apagado e renovarase o cabreado, entre outras actuacións.

Un proxecto que permitirá unha redución de máis de 29.887 euros anuais do gasto enerxético así como unha minoración do consumo de 123.356 kWh.