Friday 22 de November de 2024

Máximo histórico do turismo internacional en Galicia


Galicia acumula nos once primeiros meses do ano máis de 940 mil viaxeiros e 1,5 millóns de pernoitas

Nos primeiros once meses deste ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 7,3% en relación ao pasado ano, rexistrando preto de 3,45 millóns. Neste período subiron tamén as pernoitas, nun 4,5% neste caso, rexistrando mais de 6,7 millóns. É o segundo ano consecutivo no que se observa unha mellora dos niveis de demanda hoteleira neste período de once meses, situando os niveis de demanda deste ano, en termos de viaxeiros, nos máis elevados desde o inicio da crise a excepción do Ano Santo 2010.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 4,3% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 2,9% no que atinxe ás pernoitas.

En termos de mercado Galicia experimentou certa homoxeneidade no comportamento dos principais segmentos de mercado. Deste xeito, o turismo interno mantívose estable en relación ao pasado ano e o mercado receptor nacional subiu nun 4,6%. Mentres que o mercado internacional presentou un incremento acumulado do 10,6% .

O turismo internacional acadou, así, en Galicia un máximo histórico de viaxeiros aloxados –superando por vez primeira o nivel dos 900.000 neste período de once meses- e de pernoitas –con máis de 1,5 millóns- así como de peso no conxunto da demanda –co 27% dos viaxeiros e o 23% das pernoitas acumuladas-.

O incremento da demanda permitiu mellorar as cifras de ocupación do sector en 1,2 puntos porcentuais con respecto ao acumulado do pasado ano.

Máis de 186 mil viaxeiros no mes de novembro
No que respecta ao mes de novembro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos do 1,4% ata situarse por encima dos 186 mil viaxeiros. Pola súa parte, o nivel de pernoitas mantívose estable aos niveis da demanda hoteleira do pasado ano con máis de 379 mil pernoitas.

A nivel estatal experimentouse un comportamento semellante da demanda hoteleira galega, cunha estabilidade dos niveis tanto de viaxeiros coma de pernoitas.

En canto aos segmentos de mercado no mes de novembro subiron as pernoitas do turismo receptor nacional nun 1,4% e creceu con mais intensidade o turismo internacional. Concretamente a cifra de viaxeiros aloxados estranxeiros aumentou un 15,8% e a de pernoitas un 9,1%.

O incremento da demanda produciuse nun contexto de leve crecemento da oferta, así o número de prazas abertas subiu un 0,9% en relación ao pasado ano.

As tarifas hoteleiras en Galicia tamén subiron neste mes situándose en 49,2 euros de media.

A mellora das tarifas hoteleiras en Galicia permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao pasado ano –o RevPAR subiu un 2,5%-.