O vicepresidente, Xosé Regueira, reuniuse cos concelleiros Xoán Manuel Sande e Carolina Castiñeiras
A Deputación da Coruña recibe a solicitude para incluír o curso alto no proxecto de patrimonio do Río Anllóns
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira recibiu de man dos concelleiros do BNG da Laracha, Xoán Manuel Sande e Carolina Castiñeiras a proposta de incluír o curso alto no proxecto no que se está traballando de mellora e promoción do patrimonio do Río Anllóns.
Ampliar o proxecto de recuperación do río Anllóns para incluír o curso alto foi o obxectivo da xuntanza que reuniu ao vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Patrimonio e Turismo, Xosé Regueira, cos deputados nacionalistas da Laracha, Xoán Manuel Sande e Carolina Castiñeiras.
Na xuntanza, os concelleiros transmitiron a necesidade de actuar tamén nas fontes orixinarias do río pola súa relevancia e pola necesidade de conservar e mellorar unha zona de especial valor paisaxístico e natural. Neste momento, está contemplado que o proxecto de recuperación do río Anllóns recupere a ribeira mediante un sendeiro que permitirá o tránsito a pé ou en bicicleta e sinalice os recursos que existen no seu transcurso, como muíños ou pontes até a súa desembocadura. O BNG da Laracha solicita agora que se inclúan as fontes orixinarias que se atopan entre Cerceda e a Laracha que forman parte do patrimonio fluvial dese territorio e neste momento se atopa abandonado.
Ademais, Xoán Manoel Sande e Carolina Castiñeiras interesáronse na xuntanza polo estado do patrimonio megalítico, en concreto, polo menhir de especial interese que se atopa no territorio municipal, para o que solicitaron unha pronta actuación co fin de sinalizar o ben, neste momento de moi difícil localización. Neste sentido, Xosé Regueira informou de que o concello da Laracha foi incluído recentemente no proxecto de Parque do Megalitismo da Costa da Morte por vontade da Deputación da Coruña e iso posibilitará a mellora do entorno, a accesibilidade e a posta en valor do menhir como ben catalogado.
Finalmente, Xosé Regueira informou do estado do proxecto de Reserva Mundial do Surf no que participa o Concello da Laracha sobre o que se presentará nos próximos meses o informe completo da candidatura para optar a denominación que suporía un importante impulso para o turismo deportivo da comarca.