Friday 22 de November de 2024

A Deputación apoia con 267.750 euros as actividades de máis dun centenar de entidades deportivas da provincia da Coruña


A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que “unha parte importante dos programas de actividades que apoia a Deputación están dirixidos a escolares, porque sabemos da importancia de fomentar o deporte dende a base”

A Deputación apoia con 267.750 euros as actividades de máis dun centenar de entidades deportivas da provincia da Coruña
A Deputación da Coruña publica no BOP de hoxe a concesión provincial do programa de subvencións destinado a apoiar ás entidades da provincia na realización de actividades do fomento da actividade física e o deporte durante o ano 2019.

En total, a Deputación destinará 267.650,76 euros para financiar as actividades de 103 entidades coruñesas sen ánimo de lucro, mentres que outras 11 axudas están condicionadas á presentación de documentación adicional.

A deputada da área de Deportes, Cristina Capelán, apuntou que esta liña de axudas ten como finalidade “fomentar a práctica deportiva e o deporte afeccionado entre a cidadanía da provincia” e destacou que “unha parte importante dos programas de actividades que apoia a Deputación están dirixidos a escolares, porque sabemos da importancia de fomentar o deporte dende a base”.

As axudas oscilan entre os 1.000 e os 8.500 euros e destínanse ao fomento de todas as disciplinas deportivas, dende fútbol, baloncesto, ciclismo ou atletismo a deportes máis minoritarios coma os deportes náuticos, taekwondo, tenis de mesa ou pesca deportiva. Algunhas delas están especialmente destinadas á promoción do deporte adaptado entre colectivos con diversidade funcional, á recuperación de deportes tradicionais e á programación de actividades deportivas extraescolares por partes das ANPAS de centros escolares.

Apoio a 715 clubs e entidades deportivas coruñesas

Capelán lembrou que a esta liña compleméntase cos 371.000 euros que a Deputación concedeu o pasado mes de setembro a outros cen clubs e entidades deportivas coruñesas para a mellora das súas infraestruturas e equipamentos e con outro programas de apoio a grandes eventos deportivos e ás competicións federadas de ámbito local, provincial, autonómico, nacional e internacional nas distintas disciplinas deportivas que suman preto de 1,5 millóns de euros anuais e que o pasado ano chegaron a un total de 715 entidades deportivas coruñesas.

“A Deputación da Coruña realiza cada ano un importante esforzo inversor para apoiar ao deporte coruñés en todos os ámbitos, dende o deporte de base aos grandes eventos deportivos”, afirmou Cristina Capelán que destacou que este apoio “contribúe a situar á provincia da Coruña na vangarda do deporte galego”.