Saturday 16 de November de 2024

Cabana de Bergantiños asina un convenio coa FAEPAC para mellorar a súa eficiencia enerxética


Valentín González Formoso, presidente da FAEPAC, e José Muíño Domínguez, alcalde de Cabana de Bergantiños, asinaron hoxe o convenio que terá como obxectivo principal reducir o consumo enerxético a través do uso racional da enerxía e do impulso das fontes renovables.

A FAEPAC realizará un seguimento enerxético dos servizos de carácter público e formacións para o persoal municipal co obxectivo de mellorar calidade ambiental do concello

Cabana de Bergantiños asina un convenio coa FAEPAC para mellorar a súa eficiencia enerxética
A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), pertencente á Deputación da Coruña, axudará a mellorar a eficiencia enerxética do concello de Cabana de Bergantiños. O presidente da FAEPAC, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, asinaron hoxe un convenio que ten como principal obxectivo a redución do consumo enerxético no concello a través do uso racional da enerxía e o impulso das fontes renovables.

Despois de analizar as instalacións municipais, a FAEPAC asesorará ao concello e formara ao seu persoal en materia enerxética. Á súa vez, levarase a cabo un seguimento enerxético dos servizos de carácter público. Tamén se informará ao concello de todas as novas relativas a este ámbito, incluíndo os cambios de tarifas ou na lexislación, así como as diferentes axudas ás que pode optar.

Con estas accións, a FAEPAC busca que se incremente a posibilidade de mellorar a calidade ambiental do concello, poñéndoo en coñecemento do seu gasto eléctrico e aportándolle a información precisa para reducir o seu gasto e contaminación medioambiental.