Friday 22 de November de 2024

A Xunta volve a ampliar as axudas a mulleres que sofren violencia de xénero para que ningunha vítima quede sen atender


O crédito incrementase en 64.000 euros, que sumados á anterior ampliación de outubro fan un total de máis de 1,1 millóns de euros neste 2014

A edición do Diario Oficial de Galicia publica un incremento de 64.000 euros na dotación orzamentaria asinada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Tratase da segunda ampliación orzamentaria do ano, despois de que o Goberno galego incrementase o crédito en 345.150 euros o pasado mes de outubro. Con estas dúas ampliacións, a Xunta realiza un importante esforzo económico co que achegará en 2014, en total, 1.129.300 euros para axudar a 342 mulleres a saír do ciclo da violencia, case o 20 por cento máis que no pasado exercicio.

O obxectivo que se consigue con esta segunda ampliación é que todas as vítimas desta lacra que cumprían os requisitos da convocatoria 2014 sexan beneficiarias das axudas, o que lles garantirá unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor e poder iniciar -ou consolidar- a ruptura dunha situación na que corren perigo.

As axudas económicas da Secretaría Xeral da Igualdade poden percibirse por un período máximo de doce mensualidades e teñen unha contía oscila entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Requisitos das axudas
Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.