Un total de 65 persoas participaron na actividade, incluída no “Outono Cultural 2019”
Un total de 65 persoas, entre público infantil e adulto, participou na tarde do venres nos actos organizados polo Concello de Brión para conmemorar o Día da Biblioteca. Así, Trémola Teatro presentou na sala municipal de exposicións o seu espectáculo “1, 2, 3!, a que non me ves?: en busca dos monstros”.
Un serán de narración oral dirixido a crianzas de 3 a 7 anos de idade que fala dos medos infantís e a súa superación. Porque aínda que a protagonista da historia nunca viu diante un mostro, tenlles moito medo. Por iso decide que, cando sexa maior, converterase nunha audaz exploradora e irá na súa procura. E diso falan as diferentes historias deste contacontos, que guiaron ás crianzas por diferentes países para deixar de terlles medo aos monstros.
Esta actividade está incluída no programa “Outono Cultural 2019”, organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, o programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a Rede de Dinamización Lingüística e o Pacto do Estado contra a violencia de xénero.