O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta hoxe en rolda de prensa dos acordos adoptados na última sesión da Xunta de Goberno local, entre os que destaca a toma de coñecemento da resolución conxunta do Concello e Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), pola que se aproba a convocatoria dunha consulta aberta para a despregadura de redes de telecomunicación baseadas en fibra óptica no conxunto histórico da cidade. Entre outros asuntos, acordouse tamén a substitución de nove autobuses urbanos.
A Xunta de Goberno local tomou coñecemento da resolución conxunta da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e o Concello pola que se aproba a convocatoria dunha consulta aberta para a despregadura de redes de telecomunicación baseadas en fibra óptica no conxunto histórico da cidade.
Esta convocatoria xorde a raíz da Guía de boas prácticas para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia: un primeiro catálogo, no que colaboraron ambas institucións, de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos de alto valor patrimonial.
Este catálogo analiza o caso de Santiago e define unha serie de propostas para a instalación da fibra óptica que permitan compatibilizar a protección do patrimonio coa despregadura con trazado por cornixa, o soterramento ou a través das redes de saneamento.
Neste contexto, unha vez obtida a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio sobre as solucións incluídas na guía, e co obxecto de coñecer as posibilidades de execución dos eventuais despregamentos, resulta necesario, indicou o alcalde, dirixir consultas aos operadores económicos para coñecer de xeito preciso o seu interese neste despregamento a través das solucións recollidas na guía e en que condicións técnicas e económicas se podería realizar. O prazo de presentación de propostas comezará ao día seguinte da publicación da resolución na páxina web de AMTEGA e terá unha duración máxima de 2 meses.
Transporte urbano
A Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude da concesionaria da xestión do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros TRALUSA de substitución de nove autobuses adscritos ao transporte urbano, dada a antigüidade da flota, cunha media de idade de 15 anos, e as reiteradas avarías dos servizos afectados.
Tamén sobre o transporte urbano se tomou outro acordo, neste caso o sometemento a información pública polo prazo de 20 días hábiles da estrutura de custos do servizo. Segundo indicou o rexedor, trátase dun trámite preceptivo previo ao concurso do transporte urbano, que estima se sacará a licitación no primeiro trimestre do ano 2020.
Obras
No apartado de obras, deuse conta da aprobación da primeira fase do POS+Adicional 1/2019 por parte da Deputación da Coruña, que recolle as seguintes actuacións por un importe total de 722.946,13 euros: reparación e consolidación da Ponte de Vidán de Abaixo, por un importe de 447.065 euros; rexeneración e reforzo de pavimento da rúa Santa Teresa de Jornet (219.106,27 euros); e a construción dun parque infantil en Coto dos Olmos, en Bando, cun investimento de 56.774,86 euros.
Así mesmo, aprobouse o expediente de prestación do servizo de diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de contención de titularidade municipal do barrio de Fontiñas e a apertura da adxudicación, mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 25.000 máis IVE (5.250 euros), e de acordo co seguinte desglose: ano 2019, 22.687,50 euros; ano 2020, 7.562,50 euros.
Convenio coa Cámara de Comercio
A proposta da Alcaldía, aprobouse un convenio coa Cámara de Comercio no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 30.000 euros e que ten por obxecto fomentar e impulsar as actividades de información, formación e mellora da competitividade empresarial que axuden a instalar no territorio os valores asociados ao espírito emprendedor, coa fin de adaptarse ás ferramentas claves e básicas no proceso de harmonización social que permita alcanzar un desenvolvemento sostible.
Tamén se acordou solicitar unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a prórroga da contratación dun axente de emprego e desenvolvemento local por importe de 15.408,44 euros.
Residencias artísticas
No ámbito da cultura, aprobouse a resolución da convocatoria de residencias de creacións e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán, que levarán a cabo as compañías Verdeveras Expresións Artísticas, Abismo Caracol, A Vela, Voadora e Teatro En-Trance.
Outros asuntos
Nesta sesión aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe global de 110.000 euros, dentro dos cales a contía máis elevada era para saldar a débeda pola xestión das escolas infantís Galiña azul (74.000 euros).
Tamén se acordou a resolución do expediente de relativo ao incumprimento do contrato para a prestación do servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos do Concello coa imposición dunha multa á adxudicataria por importe de 3.005,06 euros.