Máis de medio cento de persoas, entre maiores e familiares, participaron na tarde do venres na tradicional festa do magosto no centro de día de Lousame. A festa contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que amosou moi satisfeita “pola activa participación dos nosos maiores na celebración, non só bailando e cantando as distintas pezas, senón compartindo experiencias cos veciños e veciñas que se achegaron ata o centro de día”.
A festa comezou cunha actuación musical a cargo do grupo de gaitas “O son do Pote”, de Tállara, e non foron poucas as persoas que se animaron a botar unhas bailas e mesmo a interpretar algunhas cancións que lembraban da súa nenez. Tras máis dunha hora de música, os presentes trasladáronse a outra sala do centro de día onde desfrutaron dunha merenda a base de castañas, acompañadas por galletas, patacas fritas, rosca, zumes e refrescos.