Foron 25 as rapazas e rapaces que participaron nas finais das modalidades de graffiti e videocreación, e seis grupos interpretaron as súas cancións na de música
A Xunta de Galicia deu a coñecer onte as mozas e mozos gañadores das fases finais de graffiti, música e videocreación do programa Xuventude Crea 2019, que se desenvolveron ao longo da xornada de onte na Cidade da Cultura, dentro do encontro Mocidade que se está a levar a cabo nestas instalacións.
O Xuventude Crea da Consellería de Política Social ten por finalidade poñer en valor o talento, creatividade e innovación da xente nova en 13 especialidades distintas. Os premios en cada unha das categorías son de 3000 euros para o gañador, 1500 euros para o segundo e 1000 euros para o terceiro clasificado. As de graffiti, música e videocreación son as tres primeiras finais que se resolven desta iniciativa.
Na modalidade de graffiti, nove participantes realizaron en directo os seus proxectos finalistas. O primeiro premio foi para Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera (Baiona) pola súa obra “Cor de corral”. En segundo e terceiro lugar quedaron Margot Rodríguez Salvador (Pontedeume) con “Leonesa con bengala” e Fernanda Rodríguez Miguelez (A Coruña) con “Camiñando entre nos”, respectivamente. Por último, tamén se concedeu unha mención de honra a Adrián Lomba Balea (Vigo) pola obra “Octopoda grafitae”.
Na categoría de música, actuaron en directo seis grupos. O gañador foi Sherchelios (Vigo) coas cancións “Cantiga de sal” e “Inverno en Cangas”. En segunda posición quedou Golden Wolves (Xinzo de Limia) coas cancións “GZ” e “Savage”. E o terceiro galardón foi concedido de forma compartida a Denis (Vigo) con “Figuras molladas” e “Supreme” e a Queridiño (O Carballiño) con “Poniente” e “Your name”.
A final do apartado de videocreación contou con 16 finalistas, entre os que quedou como primeiro clasificado Paula Valiño Rivera (Ames) con “Reciprocidade: entre o medo e a vontade”. O segundo posto conseguiuno Nicolás Vázquez Ben (Vigo) coa proposta “Fuga” e o terceiro Catuxa Negreira Cousillas (Santiago) con “Metamorfosis”.
Un total de 381 mozos e mozas, con idades entre os 16 e 30 anos e residentes todos eles en Galicia, participaron na edición deste ano de Xuventude Crea cos seus diferentes proxectos relacionados con 13 disciplinas que estimulan o enxeño e imaxinación. Ademais das tres que hoxe celebraron as súas finais, as outras 10 categorías do programa son: artes plásticas, banda deseñada, cociña, danza moderna (nova especialidade incorporada este ano ao programa) , deseño de xoias, fotografía, moda, poesía, relato breve e teatro.
Máis de 500 mozas e mozos participaron no Mocidade
Este domingo remata Mocidade, o evento que durante dous días reuniu na Cidade da Cultura a mozos e mozas de 18 a 30 anos de idade de Galicia e do norte de Portugal. Nas actividades que se foron desenvolvendo este fin de semana incluíronse charlas multidisciplinares de destacados ponentes como Arkano (rapeiro freestyle), Cora Novoa (DJ e compositora de música electrónica), El Langui (cantante e artista polifacético), Luz Castro (CEO de Imaxin) ou Alejandro Marcos e Marcos Barragán (de Team Heretics). Tamén se realizou un showcooking con Lucía Freitas do restaurante “A Tafona” (Santiago de Compostela) e Liliana Duarte do restaurante “Cor de Tanguerina” (Guimarães), así como concertos como os de Baiuca, Blanco Palmera e Triángulo de Amor Bizarro.