Despois de dous días de eliminatorias e debates previos, o centro educativo La Salle 2, de Santiago de Compostela, pasa a formar parte dos 20 equipos que se disputarán a fase final nacional, organizada polo Consello Xeral de Economistas no Banco de España
A primeira edición do Torneo Nacional de Debate Económico para o alumnado de Bacharelato, organizado polo Colexio de Economistas da Coruña, xa ten gañadoras e gañadores para a súa fase provincial, tras un disputado debate no salón de plenos protagonizado por dous equipos do centro educativo La Salle, de Santiago de Compostela. O tema que trataron foi os efectos da dixitalización sobre a creación e mantemento do emprego e o xurado elixiu ao equipo 2 de La Salle para a final nacional.
O torneo ten como obxectivo aproximar ao alumnado á realidade económica e empresarial da súa contorna, favorecer a adquisición de habilidades tales como o traballo en equipo, a negociación ou a oratoria, así como concienciar aos cidadáns da importancia de adquirir un adecuado nivel de cultura financeira nas diferentes etapas da vida, en especial, no ámbito da educación non universitaria.
O xurado desta final provincial estivo formado pola concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón; o decano do Colexio de Economistas, Miguel A. Vázquez Taín; e algúns membros da súa Xunta de Goberno; Mila Sieiro Constenla, vicedecana de Economía, Servizos e Infraestruturas da Facultade de Economía da Universidade da Coruña; e Álvaro Jiménez, en representación de Mediamarkt A Coruña, partner tecnolóxico do evento.
Deste xeito e despois de dous días de eliminatorias e debates previos na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, o centro La Salle pasa a formar parte dos 20 equipos que disputarán a fase final nacional, organizada polo Consello Xeral de Economistas, que se celebrará os días 26 e 27 de novembro na sede madrileña do Banco de España. O mesmo día 27 farase entrega do premio ao equipo gañador nun acto que contará coa presenza do gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos; do presidente da CNMV, Sebastián Albella, e do presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Valentín Pich.