Sunday 24 de November de 2024

O vídeo “As cousas de antes” do IES Perdouro de Burela gaña o concurso ‘Curtas co móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ da AMTEGA


O segundo máis votado foi a curta “Revivamos Galicia”, do IES de Cacheiras (Teo)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar os dous vídeos premiados do concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’. A curta máis votada foi “As Cousas de antes” do IES Perdouro de Burela, seguida de “Revivamos Galicia” do IES de Cacheiras do Concello d Teo.

Este foi o resultado de 10 días de votacións que remataban onte, 19 de decembro. Durante este período os internautas podían votar a través de www.facebook.com/amtega, no apartado “Curtas Finalistas ADG2020” os vídeos que consideraran que mellor representaban o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías.

O vídeo gañador, “Cousas de antes”, recolle a conversa entre un neno e a súa avoa sobre como era a vida no pasado para realizar un traballo escolar. A avoa compara a realidade tecnolóxica do ano 2050, no que se ambienta a acción, coa do ano 2014 e mesmo coa de épocas anteriores. A conclusión é que os avances tecnolóxicos melloraron o benestar social.

O premio é unha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos gañadores están publicados no facebook da Amtega (www.facebook.com/amtega).

Máis de 40 curtas de toda Galicia
O concurso “Curtas co Móbil”, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta, que está a elaborar a Amtega.

Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas. Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas participaron en grupos dun máximo de 5 persoas, e amosaron a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde visualizan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Os vídeos presentados tamén se poden ver na canle de facebook da Amtega no apartado “Curtas ADG”.

Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.

Participación na elaboración da ADG 2020
O concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ forma parte da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 levada a cabo dende a Amtega.

A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega.