Esta iniciativa, coordinada desde A Coruña polo CIFP Ánxel Casal de Monte Alto, ten como obxectivos fundamentais a promoción de hábitos de vida saudables e a mellora das competencias en linguas estranxeiras
O concelleiro de Educación e Cultura, Jesús Celemín, recibiu esta mañá no Salón de Plenos de María Pita o persoal representante da coordinación do programa Erasmus+ denominado PHIL (Promote Healthy Habits and Improve Languages), que ten como obxectivos fundamentais a promoción de hábitos de vida saudables e a mellora das competencias en linguas estranxeiras. O programa comezou en setembro de 2018 e ten unha duración de 3 anos.
Á recepción no consistorio asistiron representantes dos 5 países que coordinan esta iniciativa, da Escola de Idiomas de Bratislava (Eslovaquia); do IMSC, unha ONG de Kelme (Lituania); da Universidade da Liberdade de Udine (Italia); do Centro de Formación Profesional de Veterinaria de Lanskroun (República Checa); da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol; e do CIFP Ánxel Casal da Coruña.
As representantes do Centro Integrado de Formación Profesional de Monte Alto, o Ánxel Casal, que estes días fan de anfitrioas para o resto das e dos coordinadores, son Belén Lage, coordinadora do proxecto PHIL; Cristina Vázquez, coordinadora dos programas internacionais do CIFP Ánxel Casal e Susana Agra, directora do CIFP Ánxel Casal.
O edil de Educación valorou e agradeceu “o esforzo do profesorado e das e dos coordinadores por levar a cabo este tipo de programas que sempre levan asociado un sobreesforzo e unha vocación altruísta”.
Estes días, o 24 e 25 de outubro, no centro de estudos de Monte Alto están a realizar o 2.º Encontro Internacional de Coordinadores/as do Proxecto PHIL.