O convenio de colaboración coa Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña, ADACECO, asinouse ao remate dos actos polo Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido na praza de María Pita
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, participaron na mañá deste venres nos actos organizados pola Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña, ADACECO, con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, que se realizaron na praza de María Pita.
No acto, no que tamén estiveron presentes representantes doutros grupos municipais e doutros concellos da comarca, a presidenta de ADACECO, Carmen Fernández, leu un manifesto dirixido a visibilizar a realidade das persoas afectadas polo dano cerebral adquirido e a lle abrir á sociedade o traballo que levan a cabo as diferentes asociacións, ademais de alertar da falta de atención, tanto sanitaria como social, neste eido. Pola súa banda, a alcaldesa tamén lembrou na súa intervención o traballo das familias, polo apoio que lles prestan ás persoas afectadas no “longo camiño” na procura de gañar uns niveis de vida máis dignos e que permiten facer unha vida normal, e das propias persoas afectadas.
“Agardamos que este día sirva para lles dar voz ao máis de medio millón de persoas con Dano Cerebral e ás súas familias e axudar a visibilizar as súas necesidades de atención e inclusión social” destacou Inés Rey na súa intervención. Nese sentido, a rexedora comprometeu o apoio do Concello da Coruña, “ao traballo de entidades
como ADACECO, para garantir a calidade de vida e a inclusión social deste
colectivo”.
Ao finalizar o acto, a alcaldesa da Coruña e a presidenta de ADACECO asinaron o convenio mediante o cal a Administración local lle cede á referida entidade, de forma gratuíta e sen cargas fiscais, unha parcela en Eirís para a construción dun centro de rehabilitación para as persoas usuarias da entidade con dúas modalidades de atención, centro de día e atención ambulatoria, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias. “Do mesmo xeito que as persoas con dano cerebral e as súas familias se ven obrigadas a construír novos proxectos de vida cos seus propios medios; cremos necesario crear espazos para a atención ás familias e para a inclusión social do noso colectivo”, aseverou a alcaldesa, ao remate do acto de sinatura realizado no Pazo de María Pita.