11 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos participarán este sábado na Casa da Xuventude na actividade “Mensaxes de loita polos dereitos das mulleres”, ofrecida en San Sadurniño dentro do programa Ler conta moito e das accións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. ¿Que de que vai isto?. Pois vai de xuntar nun mesmo obradoiro a concienciación sobre a igualdade, a creación artística e tamén a reciclaxe. E é que a mocidade trasladará a bolsas de tea -novas e vellas- os seus deseños reivindicativos. Esta proposta -complementaria do “¿Coeducamos?” do pasado mércores na Casa da Cultura- avánzanos xa a programación xuvenil preparada pola área de Igualdade co gallo do 25-N, Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres. De feito, para os días 7 e 12 de novembro hai programados outros dous talleres pensados para o alumnado de Educación Secundaria.
Os mecanismos que desencadean a violencia contra das mulleres son múltiples e moi complexos. Porén, está demostrado que a concienciación e a educación desde idades temperás son fundamentais para evitar condutas violentas -e a súa aceptación- na etapa adulta e tamén na adolescencia, onde cada vez se dan máis casos de relacións tóxicas nas que, ademais, se empregan as redes sociais e os dispositivos móbiles como ferramenta de control, de acoso e de dominio dunha persoa sobre doutra.
Para abordar estas cuestións, o Concello promove en colaboración co CPI de San Sadurniño un programa de prevención da violencia de xénero e de autoprotección dirixido a alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria que se desenvolverá os días 7 e 12 de novembro en dúas quendas cada xornada.
Nunha primeira parte, de 15.00 a 17.00h., a mocidade asistirá ao obradoiro “Fotocotías” impartido por monitorado da empresa Casa Morada. Trátase dunha charla sobre a violencia machista e o acoso por medio das redes e das tecnoloxías. Acompañarase dun obradoiro creativo contra a violencia de xénero e cibernética no que se elaborará un diario fotográfico para o empoderamento e a denuncia con fotos tomadas dende o móbil.
A segunda parte , de 17.15 a 19.15h., ofrece dúas sesións de autoprotección para rapazas adolescentes titorizadas por persoal especializado da empresa SEDEGA. Aprenderán técnicas básicas de evasión e actuación ante situacións violentas e, ao mesmo tempo, veranse conceptos relacionados, como a autoestima, o reforzo psicolóxico ou as relacións sociais.
Para sumarse a estes obradoiros fai falla que a mocidade se inscriba no departamento de orientación do centro de ensino -881 930 492 ou mariadr@edu.xunta.gal- ou nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade: 981 490 027 ext. ou veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
Este sábado, pintar e reciclar bolsas
Porén, antes dese obradoiro cómpre atenderlle ao que teremos este sábado 26 de outubro na Casa da Xuventude a partir das 11.00h., titulado “Mensaxes de loita polos dereitos das mulleres”, ofrecido por Patricia Núñez (O faiado de Nin). Nel inscribíronse 11 mozas e mozos con idades que van desde os 14 até os 18 anos.
A descrición da proposta que figura no catálogo de “Ler Conta moito” -o programa de animación á lectura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia- convida a “pensar nas mulleres, nas xa recoñecidas e nas que temos máis preto e que son importantes na nosa vida e no noso entorno”. Reparar nas mulleres da nosa historia e “canda elas e por elas, protestar”. O vehículo reivindicativo será o deseño de lemas -palabras, debuxos, etc.- que representen a loita pola igualdade plena de dereitos e contra a violencia.
Tamén será unha iniciativa ambiental a prol da reciclaxe e a reutilización, posto que como soporte creativo se utilizarán bolsas de tea, co obxectivo de que a mensaxe se visibilice na escola, cando vaiamos facer compra e en calquera momento que usemos esas bolsas que, de seguro, serán únicas e rechamantes.
A actividade forma parte do apartado Ler Conta Moito en Igualdade e, á súa vez, das accións coas que se desenvolve o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero.