Friday 22 de November de 2024

O Concello dá os primeiros pasos para recuperar a Casa Cornide coa constitución do Consello da Memoria Democrática


 

A alcaldesa, Inés Rey, asegura que o Goberno local emprenderá accións legais unha vez que a asesoría xurídica lle dea luz verde

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou a intención do seu executivo de poñer en marcha o Consello de Memoria Democrática. Un primeiro paso, dixo, para a recuperación da Casa Cornide, na actualidade en mans da familia Franco. Esta actuación responde, explicou, ao firme compromiso do Goberno local coa recuperación da memoria histórica da cidade e á resolución adoptada no pleno do pasado 16 de setembro cando todos os grupos políticos do Concello aprobaron emprender accións legais encamiñadas á recuperación da propiedade.

A alcaldesa explicou que o Consello de Memoria Democrática estará composto por membros da corporación, persoas expertas e representantes da Universidade, do Instituto José Cornide, do Ateneo Republicano e outras entidades que traballan no campo da memoria histórica. “A nosa intención é que unha das comisións especiais se centre na recuperación deste edificio”, dixo.

Confía en que “poidamos alcanzar un consenso que nos permita iniciar os trámites para que o edifico volva ás mans do Concello”. Para iso, indicou, solicitaranse informes técnicos que despois se derivarán á asesoría xurídica “para que estude si hai argumentos xurídicos que fundamenten a demanda e, non haxa ningunha dúbida de que o edificio ten que volver ser de titularidade pública”.

De forma paralela, o Concello pretende declarar o edificio como Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo a lei para que un inmoble sexa declarado como BIC é necesario que teña interese histórico, artístico, social ou científico. Por iso, pediráselle un informe a un dos maiores expertos da Universidade de Santiago neste tema para “contar co apoio da comunidade científica antes de lle solicitar a Patrimonio que declare a Casa Cornide como BIC”, sinalou a alcaldesa.

En canto á restauración da vidreira de María Pita, que inclúe a substitución da aguia preconstitucional, a rexedora explicou que debido á complexidade da obra tívose que redactar un novo contrato cun orzamento axustado, xa que é necesaria a supervisión dunha persoa experta encargada da dirección artística. Cando se desmontou a peza, lembrou a alcaldesa, os técnicos descubriron que moitas pezas estaba rotas e outras presentaban un estado de conservación deficitario.

Tamén confirmou que a Concellería de Cultura ten previsto crear unha comisión especial para proseguir coa supresión do rueiro das rúas con nomes franquistas iniciada polo executivo de Marea en cumprimento da Lei de memoria histórica do
2007. Eliminaranse ademais todos aqueles símbolos da ditadura franquista que aínda permanecen na cidade.