Friday 22 de November de 2024

Celemín presenta no consistorio a 4.ª edición da SEMUÁ


 

A Semana das Músicas do Audiovisual terá lugar na cidade desde o 27 de outubro ata o 1 de novembro

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, participou esta mañá no acto de presentación da IV SEMUÁ – Semana das Músicas do Audiovisual que tivo lugar no consistorio, xunto á directora da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, o director artístico e compositor da SEMUÁ, Nani García, o director da Banda Municipal de Música da Coruña, David Fiuza, e o xerente da Orquesta Sinfónica de Galicia, Andrés Lacasa.

SEMUÁ, que se realiza na Coruña entre o 27 de outubro e o 1 de novembro, é un festival organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña que lles dá protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais.

O edil de Cultura agradeceulle á Academia Galega do Audiovisual a súa coordinación e a todos os colaboradores que fan posible que esta actividade cultural “exista na cidade da Coruña” e puxo en valor a iniciativa por “tocar outra parte da música, como son as bandas sonoras”. Celemín tamén agarda que esta cuarta edición “sexa un éxito” e supoña a “consolidación da SEMUÁ para futuras edicións”. O festival pon o foco no traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque o público de todas as idades.

Na súa cuarta edición, SEMUÁ dedicaralle unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid que dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia no Teatro Colón, nun programa no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas. A oferta de música en directo retoma os concertos da Banda Municipal de Música da Coruña, unha proposta para público familiar que se repetirá en dúas sesións para o alumnado dalgúns centros educativos da cidade. Ademais, a formación volverá ser protagonista, cun obradoiro impartido polo compositor e produtor musical hispanoarxentino Lucio Godoy.