A Ruta xacobea do norte promoverase a través de distintas accións de mercadotecnia no estranxeiro das que salienta una exposición fotográfica que se organizará en colaboración co Instituto Cervantes
O Camiño do Norte constituirá ao longo do ano 2015 o elemento fundamental de promoción internacional da marca turística España Verde, da que forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, xunto a Turespaña, segundo se acordou na última reunión de coordinación deste distintivo turístico.
Para o ano 2015, está prevista a organización de distintas actividades de mercadotecnia nos mercados emisores máis importantes para o turismo do norte de España, no que salientan os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.
Ademais, España Verde ten previsto realizar varias viaxes de familiarización para axentes de viaxes e xornalistas, de xeito que poidan realizar o percorrido desta ruta xacobea a través dos distintos territorios que conforman a marca.
Exposición fotográfica
Entre as accións máis salientables para a promoción do Camiño do Norte, España Verde ten previsto organizar en colaboración co Instituto Cervantes, unha exposición itinerante en varios centros cos que conta este organismo na contorna internacional.
Polo que atinxe a este Camiño, a marca turística España Verde prevé tamén a organización de actividades de promoción a través da distintas asociacións de peregrinos distribuídas en varios países, para o que xa se está a contactar coas máis importantes.
Xunto ao Camiño do Norte, España Verde ten previsto intensificar en 2015 a promoción internacioanal da práctica do surf como un dos reclamos turísticos máis destacados no litoral das catros comunidades do norte de España.
Os territorios asociados na marca turística España Verde teñen previsto crear ademais o produto Bodegas y palacios, para promover conxuntamente o enoturismo.