Máis de medio cento de persoas asistiron á presentación do libro do profesor Manuel Quintáns “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, editado polo Centro Ramón Piñeiro
A sala municipal de exposicións do Concello de Brión quedou pequena na noite de onte mércores para acoller a presentación do libro “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, do profesor Manuel Quintáns; e a convocatoria da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais en galego, dotado con 7.000 euros e a edición da obra gañadora por Edicións Positivas.
O alcalde de Brión, José Luís García, que agradeceu a colaboración da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, explicou que “o Laudamuco ten un dobre obxectivo: promover a creación de textos teatrais na nosa lingua e honrar á figura de Roberto Vidal Bolaño”. Neste sentido, García garantiu a continuidade do premio Laudamuco: “recollemos o chapeu que nos lanzou o ano pasado nesta mesma sala o noso veciño e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, cando nos animou a traballar por ser os continuadores desa tradición nacida en Ribadavia e capitanear unha iniciativa como o Laudamuco, que nos vai dar un sitio no mundo e na cultura”.
José Luís García explicou que dende hoxe xoves 25 de outubro e ata o 14 de febreiro de 2020 estará aberto o prazo de recepción de textos. Poderán optar ao galardón autores e autoras de calquera nacionalidade, sempre que presenten obras dramáticas inéditas, nunca antes premiadas e escritas en lingua galega. O tema e a extensión é totalmente libre. “Temos unha elevada dotación económica, 7.000 euros, o máis alto da dramaturxia galega. Temos a edición da obra e un magnífico trofeo en bronce deseñado por Xosé Vizoso. Só nos queda conseguir a posta en escena da obra gañadora, no que seguiremos traballando”, indicou o alcalde.
Presentación do libro
Previamente, o profesor Manuel Quintáns presentou o seu libro “Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega”, editado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro. Un libro de 600 páxinas sobre o que o seu autor non quixo falar, pois “non me corresponde a min falar do libro, senón desculpar os seus excesos e agradecer a todos os colaboradores que fixeran posible este traballo”.
Nun ambiente case familiar, coa presenza de máis de setenta persoas entre as que se atopaban estudosos da figura de Vidal Bolaño, veciños/as de Brión e ex alumnos de Quintáns, o vello profesor fixo unha disertación sobre a literatura e o teatro en Vidal Bolaño, sen referenciar o seu libro ata o final, cando asegurou con retranca que “o meu labor non pasou máis aló do tecelán portugués que fai mantas con retais. O arte deste traballo está neses centos de trapiños plaxiados. Aos seus autores, o meu profundo agradecemento”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, explicou que “este libro é unha contribución esencial para entender a gran obra de Roberto, feita pola persoa que quizais máis se ten dedicado a estudalo”. Ademais, asegurou que “o libro tiña que ser presentado en Brión porque Vidal Bolaño elixiu Brión como residencia e este pobo lle leva feito numerosas homenaxes”.
Finalmente, Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro, salientou que “estamos ante case 600 páxinas de sabedoría acumulada sobre un home, é unha obra maior sobre Roberto Vidal Bolaño, non un cariño” e puxo en valor a figura de Manuel Quintáns, “un dos investigadores máis senlleiros do noso centro, que vén de cumprir 25 anos de vida”. Así mesmo, destacou “os tres índices do libro: onomástico, temático e por título, polo que estamos seguros de que será útil e funcional para atopar información”.
Finalmente, García agradeceu a Quintáns a escola de Brión para a presentación deste libro e reiterou o seu agradecemento pola cesión que o profesor fixo hai anos da súa biblioteca sobre Vidal Bolaño, que se pode consultar na biblioteca do IES de Brión que, como non pode ser doutro modo, leva o nome de Roberto Vidal Bolaño. “Agardo que libros coma este que hoxe presentamos sirvan para que cada vez máis persoas coñezan a figura de Roberto, saiban da súa xenialidade e estean orgullosos dese teatro feito dende, por e para Galicia”, apuntou o alcalde brionés.
Bases do premio
O galardón toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas.
O prazo de admisión de orixinais rematará o día 14 de febreiro de 2020. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “II Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2020”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.
A entrega do “I Premio Laudamuco” terá lugar o 16 de maio de 2019 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 42 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.