Monday 25 de November de 2024

Ampla oferta de cursos da Aula CeMIT de San Sadurniño para os próximos meses


Propóñense cursos para persoas maiores e para a rapazada que terán lugar nos locais veciñais e tamén na propia aula de alfabetización dixital

 

A aula de alfabetización TIC de San Sadurniño adoita publicar por estas datas a súa proposta de cursos para finais de ano e principios do seguinte. Desde agora e ata comezos de 2020 teremos varias opcións para adentrarnos no uso de dispositivos móbiles e de aplicacións informáticas. Parte delas impartiranse na propia aula -situada no primeiro andar da Casa da Cultura-, aínda que tamén haberá cursos itinerantes polos locais sociais das distintas parroquias. Para apuntarse nestas actividades hai que pasar pola aula, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar ao 616 016 793. O primeiro obradoiro arranca o 4 de novembro.

No caso dos obradoiros itinerantes elixiuse como tema principal o uso do teléfono móbil intelixente e as aplicacións que, segundo aseguran desde a Aula CeMIT, “poden facernos a vida máis doada”. Para participar no curso é necesario contar cun móbil con sistema Android ou iOS e, ademais de ver o seu manexo, tamén se aprenderá a maneira de buscar e instalar aplicativos de acordo coas nosas preferencias: apps de voz, para comunicarse, apps para coidar a saúde, viaxar, facer exercicio, poñer a traballar a memoria, escoitar música, ver películas, facer fotos, etc.

A formación tecnolóxica irá acompañada, ademais, de consellos sobre seguridade que atenderán principalmente á concesión de permisos que poden afectarlle dalgún xeito á nosa privacidade.

As sesións, que son gratuítas, desenvolveranse os luns e martes entre as 10.00h. e as 12.30h. nas seguintes datas e lugares:

Naraío, do 4 ao 26 de novembro
Lamas, do 9 de decembro ao 21 de xaneiro
Santa Mariña, do 27 de xaneiro ao 18 de febreiro
Igrexafeita, do 2 ao 24 de marzo
Ferreira, do 30 de marzo ao 28 de abril
Bardaos, do 4 ao 26 de maio

Paralelamente, na Aula CeMIT de San Sadurniño tamén haberá varios cursos que tocarán tanto os dispositivos móbiles como o uso do ordenador. Se ben os obradoiros itinerantes polas parroquias se dirixen preferentemente a un público maior de 60 anos e con coñecementos moi básicos de telefonía móbil, neste caso teremos actividades para todas as idades e niveis de competencia.

Os mércores entre o 6 e o 27 de novembro, de 10.00h. a 12.30h. abordarase a saúde no móbil, que se ocupará de ensinar o xeito de pedir cita médica, controlar a actividade física, a alimentación, exercitar a mente ou consultar informes médicos.

Tamén os mércores de 10.00h. a 12.30h., pero desde o 4 de decembro até o 29 de xaneiro, ofrécese un curso para manexar o procesador de textos LibreOffice Writer, un potente programa de balde para escribir cartas, informes e todo tripo de traballos. O Writer forma parte dun paquete ofimático máis amplo que tamén dispón de programas para debuxo, cálculo, deseño de bases de datos e presentacións gráficas. Igual que o Office de Microsoft pero gratuito e con posibilidade de intercambiar documentos con el.

Por último, dentro da programación formativa da Aula CeMIT de San Sadurniño tamén hai actividades para a rapazada de Primaria e de ESO do CPI. Os mércores pola tarde desde o 4 de decembro ata o 26 de febreiro asistirán en dous grupos a un curso titulado “Aprender a aprender coas TIC” co que se pretende ofrecerlles orientación sobre un uso responsable e proveitoso da tecnoloxía como ferramenta de apoio aos estudos.

Libre Office Writer, Calc e Impress; aplicacións didácticas en liña para deseñar cronogramas históricos, editar vídeo ou preparar fotos; programas para debuxar banda deseñada ou as opcións existentes para poñer en marcha blogs, son só algúns dos contidos que se abordarán en cada unha das dúas quendas, a primeira (5º e 6º de Educación Primaria) de 16.00h. a 17.30h. e a segunda (1º e 2º da ESO) de 18.00h. a 19.30h.

Recordamos: as inscricións para calquera destes cursos hai que facelas directamente na Aula CeMIT, chamando ao 616 016 793 ou mandando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.