Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia e a Xunta encargan a localización dos antigos labores mineiros  na zona da Barquiña


 

Os traballos serán efectuados pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e polo colexio de Xeólogos

O Concello de Noia e a Xunta de Galicia encomendáronlles á Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e ao Colexio de Xeólogos (ICOG) as tarefas de localización dos labores mineiros e de zonas de recheo na Barquiña. A veciñanza foi informada sobre os traballos nunha reunión na que participaron o alcalde, Santiago Freire, máis os representantes da COMG, Diego López, e do ICOG, Pablo Núñez.

No encontro explicáronse as características do solo e os futuros labores de investigación que se acometerán na zona. Para documentar todos os labores mineiros e localizar as zonas de recheo, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta e o Concello optaron por un estudo exhaustivo que permita dispoñer de datos suficientes para planificar as futuras accións.

Para a identificación das zonas empregarase un xeorradar cun alcance de 200 metros de profundidade. Sen necesidade de perforar o terreo, o equipo permitirá crear un modelo 3D que sitúe onde están as zonas de recheo e as galerías mineiras. A xornada informativa trasladoulles aos veciños e veciñas que datos se recabaron ata o momento, os traballos de análise que están previstos, ademais de solicitar os permisos de exploración nos seus terreos e pedirlles toda a información da que dispoñan.

Despois dun afundimento
A investigación vaise efectuar a raíz do afundimento dun pendello en agosto de 2018 na finca dunha veciña da Barquiña. A cámara mineira e o colexio profesional explican que aínda que A Barquiña pertence á franxa xeolóxica Malpica-Tui, caracterizada pola presenza de rochas moi duras, hai que ter en conta que na zona desenvolvéronse traballos mineiros para extraer wolframio entre as décadas dos corenta e dos sesenta do século XX.

Por iso, despois do afundimento, a COMG e o ICOG comprobaron mediante varias inspeccións que debaixo da construción se atopaba unha zona de recheo da antiga explotación mineira. Cos resultados das análises, recomendaron que o Concello reparase e tapiase a zona afundida, como así fixo.