Once proxectos tecnolóxicos conseguiron reforzarse desenvolvendo novos produtos ou servizos co asesoramento especializado achegado a través do Igape
A Consellería de Economía e Industria impulsou este ano a mellora continuada, o desenvolvemento e a consolidación de once novas empresas de base tecnolóxica que recibiron asesoramento gratuíto para desenvolveren produtos ou servizos novos mediante o programa do Igape C-Teams.
As empresas participantes na edición deste ano desenvolven a súa actividade, de base tecnolóxica ou coñecemento, en ámbitos como os servizos avanzados, a enxeñaría ou as tecnoloxías da información e as comunicacións. As participantes na edición 2014 foron Alvariza, Bialactis, CO2 Smart Tech, Deicom, Insati, Nauka Ingenieros,QRL Services,, Situm, Ubiplay Mobile, Wayhoy e Xeral.net.
A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria achega servizos avanzados e apoios para procurar que os novos emprendedores, e especialmente os impulsores de proxectos de base tecnolóxica poidan reinventarse de xeito continuado, para contar así con mellores oportunidades de desenvolvemento e consolidación no mercado interno ou, se é o caso, en mercados exteriores.
Impulsado pola Consellería de Economía e Industria, C-Teams é o programa idóneo para novas empresas onde os recursos materiais, humanos e temporais escasean. Con C-Teams, as empresas participantes, con menos de catro anos de vida, teñen a oportunidade de redefinir ou deseñar unha nova carteira de produtos ou servizos adaptados ás demandas reais do mercado, aplicando técnicas e ferramentas de éxito testadas en máis dun cento de Pemes galegas.
O programa C-Teams céntrase en fomentar a cultura da mellora continuada, conxugando conceptos como estratexia, innovación, mercado, produtos e servizos, valor e riscos, contando con formación práctica en novas metodoloxías para que os empresarios participantes podan incorporar novas habilidades de xestión contando con asesoría experta.