A alcaldesa Inés Rey explicou na sesión plenaria da entidade os principais proxectos do Goberno local
A alcaldesa Inés Rey asistiu esta mañá á sesión plenaria da Cámara de Comercio, nun acto no que o presidente da mesma, Antonio Couceiro, lle agradeceu o seu talante “tremendamente positivo” para crear un clima de diálogo institucional que ambos os dous ratificaron.
A rexedora explicou as liñas de goberno para conseguir que o tecido empresarial da Coruña medre e que pasan pola construción dunha Cidade das TICs, da que firmas como as que están representadas na Cámara de Comercio, se poidan nutrir, xunto coa mellora das comunicacións que terán como epicentro a Estación Intermodal e a nova fachada marítima. Rey destacou que estes grandes proxectos collerán forma entendendo A Coruña e a súa área metropolitana como un todo e a través duns orzamentos agrupados principalmente en tres pilares como son a reactivación económica, a política social e o compromiso ambiental.