A alcaldesa, Inés Rey, pídelle á Xunta que “non se poña de perfil” e manteña o seu compromiso co proxecto da Cidade das Tics que lidera a Universidade da Coruña
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá un encontro co director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia e presidente da Federación Española de Centros Tecnolóxicos (FEDIT), Carlos Calvo Orosa, no que foi un primeiro contacto de carácter institucional que serviu para coñecer máis en profundidade a actividade que desenvolve o instituto no ámbito da innovación tecnolóxica e, en especial, dos proxectos nos que podería participar o Concello. Neste sentido, perfiláronse as bases de futuras vías de colaboración entre a entidade e o Concello que non é “alleo á innovación nin aos avances tecnolóxicos que permitan mellorar a vida da cidadanía”, indicou a alcaldesa.
En canto á viabilidade da Cidade das Tics, Inés Rey lembrou o compromiso da Xunta e pediulle ao presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, “unha maior implicación e concreción nas partidas orzamentarias para sacar adiante un proxecto que lidera a Universidade e que converterá A Coruña nun polo de innovación tecnolóxica”. Rey asegurou que Feijóo manifestáralle o seu total apoio e, por iso, “non se entenderían nin desde a Universidade nin desde a cidade que a Xunta se puxese de perfil ou non participase de maneira activa no desenvolvemento da industria 4.0 nun proxecto que supón máis de 3.000 empregos directos, 6.000 indirectos e o futuro de moitas empresas”.
A alcaldesa apuntou que o investimento do Concello no proxecto céntrase “no desenvolvemento urbanístico da zona onde se situarán as empresas e na mellora das comunicacións” e que o panorama político impedía, polo momento, dar datas e prazos exactos para a posta en marcha do proxecto.
Pola súa banda, o director do ITG valorou de “moi positiva” a reunión que buscaba, dixo, “reforzar a relación co Concello”. Destacou tamén a importancia de unir esforzos para lograr que o impacto do movemento 4.0 na cidadanía sexa “o máis positivo posible”.