Friday 22 de November de 2024

O torneo FITE Open de taekwondo ITF reunirá uns cincocentos competidores de toda España este sábado en Noia


 

O pavillón municipal Agustín Mourís de Noia acollerá este sábado 26 de outubro o torneo FITE Open de Taekwondo ITF, que reunirá uns cincocentos competidores de toda España. A proba deportiva foi presentada este mediodía no Concello pola concelleira de Deportes, Laura Salgado; Juan Ramón Vidal, delegado en Galicia da Federacion Internacional de Taekwondo España (FITE); e Carlos Vázquez Seijas e Antonio Blanco García, representantes do Club ITF Noia Clínica Juanatey, que organiza o torneo.

Laura Salgado destacou que acudirán participantes de diversas entidades de taekwondo ITF de toda Galicia, así como de Madrid, Cataluña, Aragón, Valencia, Murcia, Extremadura e mesmo as Illas Canarias. A concelleira de Deportes amosou a súa satisfacción por poder colaborar no evento e lembrou que tamén servirá para homenaxear a Alfrede de Bonis Herrera, destacado practicante canario desta arte marcial falecido recentemente.

O delegado da federación en Galicia, Juan Ramón Vidal, fixo fincapé no “importante retorno socioeconómico” que supón para Noia acoller esta competición, posto que ao medio milleiro de participantes hai que engadir familiares, preparadores e outros técnicos que consumirán nos ámbitos do comercio e da restauración locais.

Neste sentido, desde o club noiés Carlos Vázquez puxo de manifesto que a competición cadra na mesma fin de semana que a Exaltación do Berberecho de Noia. Tamén polo ITF Noia Clínica Juanatey, Antonio Blanco agradeceu o apoio do Concello e explicou que a nivel deportivo esta experiencia será de gran axuda para preparar os integrantes da súa entidade.

A competición
O torneo FITE Open de Taekwondo ITF, con entrada de balde, comezará ás 10:00 horas coas categorías infantís, que se prolongarán ata as 14:00 horas. Pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, disputaranse as categorías xuvenís, de adultos e de veteranos. A competición contará coas modalidades de formas tradicionais (tul), combate libre individual e técnicas especiais (rompementos con técnicas de salto). Pola tarde, na honra do homenaxeado, está prevista unha exhibición na que participarán uns cincuenta cintos negros.

O evento estará dirixido polo presidente da Federación Internacional de Taekwondo España, Carlos Enrique Martín Requejo, xunto cos responsables de organización de eventos da delegación galega da federación. O torneo será retransmitido en directo a través de Facebook e doutras redes sociais por Click Radio, premiada recentemente cunha Antena de Plata.

A organización do torneo, que a delegación galega da FITE leva asumindo varios anos con crecente influencia, correspóndelle nesta ocasión ao ITF Noia. Para o club supón un recoñecemento ao seu prestixio, pois conta con varios membros do equipo español. Seis deles competiron o pasado mes de agosto no mundial celebrado en Bulgaria.

Agradecementos
Ademais da colaboración do Concello, a organización agradece os apoios da marca Berberecho de Noia, da Confraría de Pescadores, de Click Radio, de Sierra de Cazorla Agua Mineral Natural e de Evo Life Sport, e de todos os demais patrocinadores e colaboradores que fan posible “un evento tan esixente en medios materiais e económicos”, confirman desde o club.