Ovidio Rodeiro visitou unha das empresas beneficiarias destas achegas que teñen como obxectivo financiar a formación e a contratación de colectivos con máis dificultades para atopar un emprego
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a empresa Alea Asesores, unha das beneficiarias da orden de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Galicia Emprega e concretamente da liña Emprega Muller que se acaba de resolver.
O representante do Goberno autonómico destacou que o Galicia Emprega, ten como obxectivo apoiar a formación e contratación de persoas pertencentes aos colectivos con mais dificultade para obter un posto de traballo, como son mulleres desempregadas, parados de longa duración, mozos e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión.
Concretamente, no Galicia Emprega Muller na comarca de Bergantiños-Costa da Morte grazas a estas axudas levaranse a cabo 18 contratacións nos concellos de A Laracha, Carballo, cee, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Este programa contará con máis de 127.000 euros para apoiar na comarca estas contratacións. No caso da provincia o número de contratos a mulleres que se apoiarán con este plan é de 128 cunha achega global de case 1 millón de euros. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.
Ovidio Rodeiro destacou que Galicia Emprega abriuse con catro liñas de axudas: Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude.
O delegado territorial informou que “vamos a financiar a formación e a contratación”. Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial. A cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses a xornada completa para que reciban unha formación mínima de 50 horas incentívase con 2.000 euros. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.
Tamén se ofrecen incentivos á contratación ás empresas que impulsan a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. Ovidio Rodeiro destacou como novidade que en todos os casos aumentarán nun 25% para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico.