Unha exposición de xoguetes tradicionais da colección de Antón Cortizas, un obradoiro de pandeiro cadrado e as actuacións da AC Buxainas de Cedeira e d’Os Raparigos compoñen o programa do día 30 de novembro
Desde hai dez anos, a Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro non falta á súa cita coa posta en valor da nosa cultura tradicional, nomeadamente a musical, a través dunha xornada que mantén invariable a súa estrutura en tres módulos: un expositivo, un formativo e outro en forma de concertos. A Xornada de Cultura Popular Galega víñase celebrando desde 2009 na última fin de semana de setembro ou na primeira de outubro ata este ano no que, cadrando co décimo aniversario, se trasladará ao sábado 30 de novembro. O título elixido nesta XI edición é “Xogando coa tradición” e durante a xornada poderemos ver na Casa da Cultura a colección de xogos tradicionais do mestre Antón Cortizas, pero tamén asistir ao obradoiro de pandeiro cadrado impartido por Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, que conectará ás 20.00h. coas actuacións gratuítas da AC Buxainas de Cedeira e do cuarteto ferrolán Raparigos. O prazo para inscribirse no obradoiro está xa aberto a través dos teléfonos 669 795 418 e 626 140 798. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude.
Para a xornada cultural falta aínda máis dun mes, pero xa podemos avanzar o seu contido empezando pola mostra de enredos tradicionais de Cortizas, quen traerá a San Sadurniño “O xoguete tradicional na nosa cultura”, un completo mostrario de xogos e xoguetes de toda a vida que, á súa vez, son representativos dunha parte fundamental da nosa identidade.
Antón Cortizas é (Canido, 1954) é mestre retirado e un dos nosos autores literarios máis prolíficos. A súa obra toca principalmente a escrita infantil e xuvenil e, en relación con este público, ten investigado abondo sobre os entretementos que había no pasado. Algo que lle serviu para reunir unha grande colección de material lúdico e para escribir “Chirlosmirlos: enciclopedia do xogo popular”, auténtico manual ilustrado sobre como pasalo ben con case nada.
A exposición de xogos permanecerá durante toda a xornada do sábado 30 de novembro no recibidor da Casa da Cultura, un espazo que durante a mañá e a tarde tamén acollerá o obradoiro sobre pandeiro cadrado ofrecido por Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio.
Feixoo é a primeira etnomusicóloga titulada de Galicia, ademais de estar licenciada en Historia da Arte na especialidade de Historia da Música. Percusionista experta, arpista de renome e investigadora, achegará a súa visión sobre as músicas de tradición oral e sobre a técnica do instrumento na compaña de Guillerme Ignacio, mestre de canto tradicional e pandeireta e un dos fundadores do grupo Quempallou. Ambos abordarán esta sesión introdutoria -de 10 a 19.00h. con pausa ao mediodía- desde o punto de vista da historia, do repertorio e da aprendizaxe de distintos ritmos que, logo, durante o serán, inaugurarán a parte dedicada aos concertos.
Para ese último apartado musical que comezará ás 20.00h., a AFC Berros do Castro convidou tamén á Asociación Cutural Buxainas, nacida en Cedeira en 1994 como grupo centrado na música e na danza tradicional galega. Pecharán os concertos o cuarteto ferrolán Raparigos. O ano pasado eles mesmos foron protagonistas da xornada co gallo do seu medio século de vica. A formación botou a andar en 1968 con Carlos Vázquez Cabrera e Xan Rodríguez Silvar, discípulos de Constantino Bellón aos que logo se uniron Ánxel Muñoz e Paco Trillo. En 1975 entran Xavier R. Fariñas e Rafa Victoria substituíndo a Cabrera e Trillo. Logo incorporaríase tamén o desaparecido Antón Varela e, en 2009, tralo pasamento de Muñoz, será Ramón Dopico -membro dos Berros- quen se faga cargo do tamboril.
Os concertos desta XI Xornada de Cultura Popular Galega son con entrada libre ata completar o aforo da Casa da Cultura, mentres que a participación no obradoiro de pandeiro terá un prezo simbólico de 10€. Fai falla apuntarse previamente contactando coa AFC Berros do Castro no correo berrosdocastro@gmail.com ou nos teléfonos 669 795 418 e 626 140 798.