Sunday 10 de November de 2024

A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” convoca os seus premios escolares para a edición 2014-2015


Estes diríxense a todos os centros galegos de Primaria e Secundaria, que deberán elaborar obras de arte a partir de materiais de refugallo

A campaña autonómica de corte educativo Separemos ben, reciclaremos mellor 2014-2015 convocou os seus premios escolares, aos que poderán presentar as súas candidaturas todos os centros galegos de Primaria e Secundaria.

A pretensión desta iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama, e que conta co apoio e respaldo de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), non é outra que incentivar a participación da comunidade educativa nas boas prácticas ambientais vinculadas ao principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), facendo especial fincapé na recollida selectiva dos envases lixeiros –envases de plástico, latas e briks- (contedor amarelo), dos de cartón e papel (azul), dos envases de vidro (iglú verde), das pilas e baterías usadas, así como da fracción resto, cuxo destino, en función do área xeográfica de influencia, debe ser as plantas de tratamento de Sogama, ou de Nostián e Lousame, para a fracción orgánica.

Tanto no que caso de Primaria como no de Secundaria, ínstase aos alumnos a realizar unha obra de arte con materiais de refugallo, traballo co que poderán dar renda solta á súa imaxinación, apostando igualmente pola innovación. Serán os propios colexios os encargados de elixir a obra que finalmente os represente e que deberán acreditar mediante o envío, á organización, dun máximo de 5 fotografías en formato .jpg, xunto co título do traballo e unha breve descrición do proceso de elaboración e materiais empregados.

Para estimular a participación de pequenos e mozos, establécense dous tipos de galardóns: un específico destinado ao centro ao que pertenza o alumno premiado, e que consistirá na dotación dun vale canxeable por valor de 700 euros para material didáctico e escolar, e outro destinado ao propio estudante ou grupo de estudantes gañadores (máximo de tres), e que se traducirá nun e-book ou similar.

O envío das candidaturas deberá realizarse ao correo electrónico da Consellería de Medio Ambiente, Territoro e Infraestruturas concurso.separemos.cmati@xunta.es, debendo especificar no asunto “Concurso Escolar (de Primaria ou ESO), Campaña Educativa –Separemos ben, reciclaremos mellor”, indicando os datos do centro (nome, enderezo, teléfono e e-mail de contacto, así como portavoz do mesmo).

Un xurado no que están representados as distintas entidades que promoven a campaña da reciclaxe, é dicir, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Sogama, Ecovidrio Ecopilas, Ecolec e ERP, será o encargado de valorar e avaliar as distintas candidaturas, designando aos gañadores de cada categoría.

O prazo para a presentación de propostas conclúe o 27 de febreiro de 2015.