Friday 22 de November de 2024

Villoslada: “A construción de vivendas de alugueiro social en Marqués de Pontejos permitirá rehabilitar unha zona moi degradada no centro da cidade”


 

O concello asinou esta mañá un convenio de colaboración co Ministerio de Fomento e a Xunta para a reforma e construción dun bloque de pisos na contorna do mercado de San Agustín

O edil de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, asinou esta mañá na sede da Delegación do Goberno un acordo co Ministerio de Fomento e a Xunta para a rehabilitación e construción de vivendas destinadas a alugueiro social na rúas de San Nicolás e Marqués de Pontejos. Unha actuación que, ademais do seu marcado carácter social, servirá “para rehabilitar e poñer en valor unha zona, na contorna do mercado de San Agustín, moi degradada.”, explicou Villoslada.

Neste senso, apuntou o edil, o concello aposta pola rehabilitación e o peche de zonas desocupadas no centro urbano. Ao mesmo tempo, pretende incrementar de forma paulatina o parque de vivenda pública destinado a lles garantir unha vivenda a todas as persoas.

O proxecto supón un investimento de 1.048.822 euros, dos que Xunta e Estado achegarán

91.800 euros para a reforma das vivendas. As achegas do Concello aparecen xa consignadas no proxecto de orzamentos de 2020, pero deben modificarse as datas dos investimentos. A actuación enmárcase dentro do programa de fomento do alugueiro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 que convoca a Xunta. O concello dispón dun prazo máximo de 2 anos para levar a cabo as obras.

O arquitecto Jorge Salgado foi o encargado de deseñar o proxecto que conta cun novo bloque de vivendas que dispoñerá de dous apartamentos en dúplex de dous dormitorios cada un na rúa Marqués de Pontejos e outros tres dun dormitorio no edificio existente en San Nicolás. O plan recolle a posibilidade de integrar nos baixos dous locais sen uso específico.

Na reforma daráselle prioridade a que o novo edificio reflicta a cultura da cidade e se adapte á tradición urbanística coruñesa. A rehabilitación debe harmonizar, por unha banda, o trazado medieval do barrio de Pescaría, ao que pertence o edificio de San Nicolás, e por outro, a apertura de Marqués de Pontejos, de principios do século XX, de vocación racionalista, e que serviu para comunicar o mercado de San Agustín coa Estreita de San Andrés.