Friday 22 de November de 2024

Investíronse máis de 800.000 euros na elaboración de medio cento de estudos sobre censos de especies e biodiversidade nos parques naturais galegos nos últimos catro anos


No parque natural de Corrubedo foi fundamental o estudo de seguimento do sapoconcho europeo, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo, como base para a publicación, en 2013, do decreto do Plan de recuperación do sapoconcho común

Na Comunidade galega existen seis parques naturais e un parque nacional cuxa xestión require da adquisición do coñecemento e valoración do estado de conservación do ecosistema, para o que é necesario o inventario dos recursos e entre eles censos de especies e a cartografía de hábitats. Así, dentro desta liña de traballo a Xunta de Galicia leva investidos máis de 800.000 euros na realización de medio cento de estudos para obter un mellor coñecemento das distintas especies animais ou vexetais que habitan nos parques naturais.

Así, por exemplo, no parque natural de Corrubedo foi fundamental o estudo de seguimento do sapoconcho europeo, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo, como base para a publicación, en 2013 do decreto do Plan de recuperación do sapoconcho común en Galicia, considerado a especie de réptil máis ameazada de extinción na nosa comunidade. Tamén no complexo dunar de Currubedo e lagoas de Carregal e Vixán levouse a cabo un estudo das poboacións da píllaras das dunas e do pernileiro. Trátase dun estudo realizado xunto á Universidade de Santiago de Compostela que se ampliou a outros sistemas dunares da provincia da Coruña e que proporcionou os datos básicos para a elaboración do Plan de conservación da píllara das dunas, aprobado en xaneiro deste ano 2014.

No parque natural da Baixa Limia-serra do Xurés foi fundamental o estudo realizado sobre a aguia real para o desenvolvemento do programa de reintrodución desta especie, un programa que acadou este ano un fito histórico para a súa recuperación, ao rexistrar nidificación por primeira vez dende os anos 60 da aguia real, un fito histórico. Este feito representa unha grande esperanza para a recuperación desta especie catalogada en perigo de extinción en Galicia e un adianto de catro anos, respecto das previsións de reprodución natural desta especie en perigo de extinción en Galicia.

En todos os parques naturais desenvolvéronse estudos sobre a súa biodiversidade pero, sen dúbida, é no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas onde máis investigacións se levan realizadas nos últimos catro anos, máis de 20 en total. É o caso do seguimento do visón americano, do plan de monitorización e seguimento dos mamíferos mariños, ou o inventario e publicación de flora e vexetación no arquipélago de Sálvora.
O inventario e seguimento do estado de conservación dos distintos elementos da biodiversidade presentes nos sete parques galegos é un aspecto fundamental para o coñecemento do seu estado de conservación, para a identificación de ameazas, para a avaliación dos resultados das medidas de xestión establecidas, a súa revisión e para unha utilización eficaz dos recursos dispoñibles para a conservación e xestión dos parques naturais.