A evacuación levouse a cabo con total normalidade e sen que en ningún momento houbese perigo para as persoas usuarias
O 112 recibiu a primeira hora da tarde de hoxe o aviso dun pequeno lume declarado no Centro de Día de San Sadurniño. Os servizos de emerxencias mobilizaron de inmediato dúas motobombas do SPEIS das Pontes que en escasos minutos conseguiron apagar as lapas e arrefriar tanto o queimador como a cheminea da caldeira, punto no que comezou un lume que non chegou a afectarlle a ningún outro equipamento da sala. Porén, como precaución, o persoal do centro desaloxou o edificio, ao que as persoas usuarias puideron voltar sobre as cinco e media da tarde.
A evacuación do inmoble fíxose de forma ordenada e sen que en ningún momento hobese perigo nin para as anciás e anciáns nin para as traballadoras deste centro dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que observaron as operacións dos bombeiros desde unha zona segura situada a uns cincuenta metros do edificio.
O sinistro produciuse na sala de caldeiras, onde se encontran tanto os acumuladores térmicos como o queimador de gas que proporciona auga quente sanitaria e calefacción ás instalacións. De feito, cando chegaron os bombeiros, a cheminea exterior da caldeira estaba case ao roxo vivo e fumeaba con forza pola combustión, que lle afectou unicamente ao quentador e á propia cheminea. De feito, unha vez recuperada a normalidade, no interior da sala -situada nun espazo confinado na parte dianteira do Centro de Día- só se apreciaba o pó dos extintores e unha pequena mancha negra no teito, xusto enriba do quentador.
Con todo, os bombeiros das Pontes -catro e dúas motobombas- aplicáronse a fondo para arrefriar o equipamento antes de dar por concluído o seu labor, no que contaron coa colaboración de catro patrullas con oito efectivos da Garda Civil do posto de San Sadurniño e do Centro de Control de Ferrol.
Durante todo o operativo o instituto armado estivo regulando o tráfico no tramo da AC-862 que pasa por diante do Centro de Día, a escasos metros do centro urbano de San Sadurniño. Numerosos vehículos ralentizaron a marcha para tentar ver que ocorría ante tanto despregamento de medios.
Foron tamén varios os familiares que acudiron ao centro para recoller ás persoas usuarias, aínda que a maioría delas voltaron pasadas as cinco e media da tarde ao interior do inmoble para continuar con total normalidade coas rutinas que se viron trastocadas polo episodio de hoxe.
No realoxamento do edificio colaboraron co persoal de atención os bombeiros, os gardacivís, membros do equipo de goberno e tamén familiares e veciñanza que estiveron facéndolles compaña durante a hora escasa que duraron os traballos para asegurar a zona.